A Alcaldesa presenta ao Consello Económico e Social o proxecto Muramiñae, co que o Concello opta a novos fondos europeos

A candidatura coa que Concello quere investir 18,7M€ para integrar o entorno fluvial na cidade a través da zona do Carmen, enviarase mañá para a súa avaliación, que estará resolta antes do mes de maio

Martes, 12 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez durante a presentación de Muramiñae

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, expuxo este martes aos membros do Consello Económico e Social (CES) o proxecto Muramiñae: Da Muralla ao Miño, co que o Concello opta aos fondos europeos de Desenvolvemento Urbano, Sostible e Integrado (DUSI) co fin de desenvolver actuacións para integrar o entorno fluvial na cidade, dende a Porta Miñá e o Miño, a través da zona do Carmen. A iniciativa foi moi ben acollida entre os integrantes do CES, que consideraron fundamental para o futuro da cidade a consecución de novos fondos da UE.

O CES está presidido pola rexedora, coa Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, como vicepresidenta, e conformado por concelleiros dos seis grupos da Corporación. Por parte do tecido socioeconómico lucense, están representados a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), por María Lourdes Pardo Rodríguez; da USC, por Andrés Barreiro Lois, vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do Campus lucense; da Cámara de Comercio, por Xabier Díaz Díaz; da Deputación de Lugo, polo delegado provincial de Promoción Económica e Social, Álvaro Santos; da Xunta de Galicia, por Enrique Victorino Rodríguez, xefe do Servizo de Dependencia e Autonomía Persoal; de Abanca, por Walter Álvarez; e dos sindicatos UGT, CC.OO. e UGT, por Ángel Tomé Roca, Ramón Fariña Ríos e Antonio Niño Saavedra, respectivamente.

Ademais de coñecer polo miúdo a candidatura lucense ao DUSI, a asemblea do CES celebrada hoxe serviu para solicitar ao Pleno a designación de dous representantes no Consello entre persoas de recoñecida solvencia e prestixio no eido económico e social.

Prazos e orzamento

Unha vez aprobado na Xunta de Goberno do pasado venres, e presentado onte en Xunta de Voceiros e hoxe no CES, o proxecto Muramiñae: Da Muralla ao Miño será enviado mañá para a súa avaliación. O prazo máximo de resolución que marcou Europa é de 6 meses dende a apertura da convocatoria de fondos, polo que, tendo en conta que se abriu o prazo o 13 de novembro, como moi tarde, en maio a decisión estará tomada.

A convocatoria á que concorre o Concello de Lugo é a primeira aberta pola UE dentro da liña de financiamento DUSI. Dotada con 1.000 millóns de euros en total, nesta primeira convocatoria conta con 730 millóns, dos cales 89 corresponden a Galicia. Mañá termina o prazo de presentación de candidaturas aos fondos, aos que poden concorrer concellos de máis de 20.000 habitantes, e tamén se abre a posibilidade de que se unan para presentar un proxecto conxunto.

Noticias relacionadas