A Alcaldesa participa nos actos conmemorativos da USC con motivo da festividade de Santo Tomé de Aquino

Luns, 29 de xaneiro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa participa nos actos conmemorativos da USC con motivo da festividade de Santo Tomé de Aquino

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o voceiro municipal, Miguel Fernández, participaron este luns no acto oficial co que a Universidade de Santiago de Compostela conmemorou a festividade de Santo Tomé de Aquino, que, presidida polo reitor, Juan Manuel Viaño Rey, tivo lugar na Escola Politécnica Superior de Enxeñería do Campus de Lugo.

O catedrático do departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC e profesor na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría Manuel Guaita Fernández ofreceu a lección maxistral do acto académico, na que, baixo o título Reflexións sobre o futuro da construción sostible con madeira, achegou unha mostra real da  investigación e transferencia de coñecemento que se realiza desde a Escola Politécnica, un centro que está a celebrar o seu 50 aniversario e que se atopa á vangarda da enxeñaría e da posta en valor dun recurso tan prezado como a madeira. De feito, a USC é socia do Concello de Lugo no programa Lugo+Biodinámico, cofinanciado con fondos europeos Life, que ten precisamente entre os seus obxectivos abrir novas oportunidades económicas aproveitando a madeira como elemento estrutural construtivo.

Unha vez rematadas as intervencións e trala interpretación do ‘Gaudeamus Igitur’, por parte do Grupo Vocal Solo Voces, Viaño pechou o acto académico. A cerimonia académica de San Tomé congregou numerosas autoridades dos ámbitos político, académico, científico, cultural e social, entre eles, ademais da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o presidente e o vicepresidente da Deputación de Lugo, Darío Campos e Manuel Martínez, respectivamente; a Valedora do Pobo, Milagros Otero; o subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo; o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro; a vogal do Consello Social da USC Blanca de Cora; ademais dos vicerreitores e Secretaria Xeral da USC, decanos e directores de centros universitarios, docentes, persoal de administración e servizos da USC, así como outros responsables políticos locais e provinciais, parlamentarios autonómicos, deputados e senadores.

Noticias relacionadas