A Alcaldesa participa na presentación de Galegos Universais, unha obra que “sitúa á nosa terra no centro do mundo”

A publicación afonda na biografía de cinco persoeiros que deixaron unha fonda pegada na historia universal: Prisciliano, Xelmírez, Cristóbal Colón, Simón Bolívar e Fidel Castro

Martes, 11 de abril de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa participa na presentación de Galegos Universais, unha obra que “sitúa á nosa terra no centro do mundo”

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este martes na Galería Sargadelos na presentación do libro Galegos Universais. A Influencia de Galicia no Mundo, unha obra que afonda na biografía de cinco persoeiros que deixaron unha fonda pegada na historia universal e que “sitúa aos galegos e á nosa terra no centro do mundo”, subliñou a rexedora. No acto participaron a Deputada provincial de Cultura, Pilar García Porto, o editor, Francisco Rodríguez Iglesias, e o autor da biografía de Prisciliano, incluída na obra, Victorino Pérez Nieto. Xunto a Prisciliano, a publicación aborda a historia e a súa vinculación con Galicia doutros catro persoeiros: Xelmírez, Cristóbal Colón, Simón Bolívar e Fidel Castro.

“Somos un pobo espallado polo mundo, e non sempre porque quixéramos marchar, senón porque as circunstancias levaron moita xente nosa, entre eles os meus pais, a buscar a vida fóra. Como foi tamén o caso dos fidalgos devanceiros de Simón Bolívar e do pai de Fidel Castro, un campesiño pobre lancarao que non emigrou por gusto, nin mesmo por ambición, senón por pura necesidade”, asegurou a Alcaldesa, engadindo que “tamén en Galicia podemos ser galegas e galegos universais. E queremos selo, porque sermos galegos e galegas é precisamente a nosa maneira de sermos cidadáns e cidadás do mundo, dun mundo que hoxe, para ben e para mal, é global e policéntrico, de maneira que nin sequera nos fai falla estar en París ou en Nova Iork para estarmos no centro do mundo. E unha maneira de estarmos no centro do mundo é tamén facer libros coma este, no que se reúnen cinco grandes mitos da historia universal que naceron ou tiveron raíces na nosa terra”.

Noticias relacionadas