A Alcaldesa e o Concelleiro de Persoal abordan coa Directora Xeral de Recursos Humanos a folla de ruta a seguir

Na xuntanza puxéronse enriba da mesa actuacións prioritarias, a medio e longo prazo e accións paralelas para mellorar os servizos que se prestan á cidadanía, incrementar a súa calidade e conseguir unha administración máis moderna

Xoves, 06 de outubro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa e o Concelleiro de Persoal abordan coa Directora Xeral de Recursos Humanos a folla de ruta a seguir

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Concelleiro de Persoal, Daniel Piñeiro, abordaron este xoves coa Directora Xeral de Recursos Humanos, Ana Sáez, a folla de ruta a seguir para comezar o proceso de xestión do cambio na ordenación do persoal do Concello de Lugo, tendo en conta que o principal obxectivo do Goberno Municipal é mellorar os servizos que se prestan á cidadanía, incrementar a súa calidade e conseguir unha administración máis moderna e accesible.

A folla de ruta marca actuacións prioritarias, actuacións a medio e longo prazo e actuacións paralelas. Dentro das accións prioritarias, destaca a adecuación da estrutura orgánica e definición dos postos de traballo, así como a convocatoria de prazas incluídas en ofertas de emprego público que se atopan sen desenvolver e a convocatoria da nova oferta de emprego público. Así mesmo, plantéxase a contratación de persoal temporal en casos excepcionais e para cubrir necesidades urxentes e inaprazables, así como a repartición da bolsa de produtividade correspondente a este exercicio orzamentario e a actualización do sistema do control horario.

A medio prazo, o Concello estuda a elaboración dunha definitiva da RPT, implementar adscricións definitivas de postos e actuacións de mobilidade, sensibilizar cara a administración electrónica, impulsar a formación permanente dos empregados públicos e intensificar medidas de conciliación da vida laboral e familiar. No que se refire a accións paralelas, o equipo de goberno procederá, en cumprimento a un acordo plenario, a realizar os pasos necesarios para materializar a funcionarización do persoal laboral fixo do Concello.

Multimedia

  • A Alcaldesa e o Concelleiro de Persoal abordan coa Directora Xeral de Recursos Humanos a folla de ruta a seguir

Noticias relacionadas