A Alcaldesa destaca o labor das Aulas da Terceira Idade en favor do envellecemento activo no 25 aniversario da entidade en Lugo

Lara Méndez participou no 28º Encontro de ATEGAL, que se celebra na cidade con motivo da conmemoración do cuarto de século da organización lucense 

Mércores, 04 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa destaca o labor das Aulas da Terceira Idade en favor do envellecemento activo no 25 aniversario da entidade en Lugo

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, destacou e agradeceu o compromiso e o labor desenvolvido polas Aulas da Terceira Idade de Galicia (ATEGAL) en favor do envellecemento activo durante a apertura da 28ª edición do encontro desta entidade en Galicia, que se celebra este mércores na cidade, no Círculo das Artes, con motivo da conmemoración do 25 aniversario de ATEGAL en Lugo. “É un pracer ver este Salón Rexio cheo de xuventude, pois a xuventude non é unha cuestión de idade ou de carné, senón de actitude. E todos os que conformades ATEGAL sodes persoas moi xóvenes que contribuídes ao envellecemento activo, un obxectivo no que as administracións nos estamos implicando moito porque é de dereito, de xustiza e porque non podemos prescindir dunha porcentaxe tan alta da nosa poboación, a terceira idade, que no noso concello supón o 20% dos habitantes”, asegurou a rexedora.

Nun acto que reuniu a unhas 250 persoas de toda a comunidade autónoma e que contou coa presenza do Presidente da Deputación, Darío Campos; o Presidente de ATEGAL, Rafael Romero; e a coordinadora de ATEGAL Lugo, Conchita Pintos, a Alcaldesa puxo en valor o papel activo que xogan as persoas maiores na sociedade. “Cando se chega á terceira idade suponse que chega para descansar e gozar dunha nova etapa porque xa contribuíu moito á sociedade, pero sígueo facendo, incluso a veces de maneira económica á unidade familiar, coidando aos netos e netas para que os seus fillos e fillas poidan exercer a súa profesión, e no día a día”, afirmou Lara Méndez.

Neste senso, a rexedora subliñou as “numerosas iniciativas e actividades” impulsadas polo Concello de maneira transversal dende distintas concellerías, como as de Benestar Social e Cultura, “para que os maiores sexan un activo fundamental”, un compromiso que se reflicte nos Orzamentos municipais, “nos que dedicamos o 21% á políticas e benestar social”. “Presumimos e con moito orgullo de ser o Concello de Galicia que máis inviste en políticas sociais porque o consideramos fundamental”, indicou.

A Alcaldesa felicitou a ATEGAL Lugo polo seu aniversario e personalizou os parabéns na súa coordinadora, Conchita Pintos, porque “non é doado chegar ata aquí, esixe un traballo e esforzo continuo”, e desexou que “cando menos dentro de 25 anos nos vexamos de novo para celebrar as vodas de ouro”. 

Noticias relacionadas