A Alcaldesa de Lugo toma contacto cos empregados públicos do Concello,“o motor” da administración local

Lara Méndez agradece o traballo dos funcionarios e mostra a súa confianza plena no seu labor. Tras percorrer hoxe as áreas e servizos do consistorio, os vindeiros días estará no resto das dependencias municipais 

Luns, 15 de xuño de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa durante a súa visita aos funcionarios do Concello

A rexedora avanza que no tempo máis breve posible os seis grupos municipais disporán de locais na casa consistorial para que poidan desenvolver o seu traballo. Será necesaria unha reorganización que xa se está estudando.

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, visitou este luns, na súa primeira xornada de traballo á fronte do Concello, todas as áreas e servizos da casa consistorial para coñecer persoalmente aos funcionarios, “o motor” da entidade local, “grazas aos que a administración segue funcionando”, subliñou. “É a miña obriga saudalos persoalmente, agradecerlles o seu traballo e dicirlles que confío plenamente no seu labor”, sinalou.

Tras o percorrido de hoxe polo consistorio, nos vindeiros días a rexedora estará no resto das dependencias municipais para, igualmente, tomar contacto con todos os traballadores públicos.

Por outra banda, Lara Méndez avanzou que xa está estudando as posibilidades existentes para a reorganización das instalacións da casa consistorial co fin de dotar de “infraestruturas materiais, económicas e persoais aos grupos municipais”. “A realidade do Concello cambiou. Hai un novo panorama, pois pasamos de tres a seis forzas políticas, e temos que adaptar os espazos. Esperamos que no tempo máis breve posible todos os grupos estean organizados”, afirmou.  

A Alcaldesa anunciou así mesmo que esta tarde terán lugar as dúas primeiras reunións coas forzas que apoiaron a súa investidura, “e seguiremos falando con todas”, para “buscar o maior consenso posible e formar un goberno estable” ao servizo dos lucenses, un goberno que espera constituír antes de finalizar o mes.   

Noticias relacionadas