Lara Méndez destaca a proxeción do Arde Lvcvs e do Camiño Primitivo, “como un gran atractivo que sitúa ao municipio na rede mundial do turismo de calidade”.
Un vídeo de gran potencial audiovisual e de estilo cinematográfico convida a participar na festa de recreación histórica deste ano.
Méndez recolle na Feira Internacional o galardón Tourism Women Friendly como mellor destino turístico pola visibilización da muller no Arde Lvcvs.

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, explicou esta mañá na Feira Internacional de Turismo en Madrid, a nova campaña promocional ‘Lugo, dez portas abertas ao mundo’, “na que presentamos unha cidade de enorme proxección grazas a dúas das nosas experiencias de maior atractivo internacional, o Arde Lvcvs e o Camiño Primitivo”.
“Lugo conxuga todos os ingredientes para estar na primeira liña das redes do turismo de calidade e non masificado, a historia, o patrimonio, a riqueza natural e as nosas xentes atraen a visitantes de proximidade, pero tamén do mundo enteiro, e temos que seguir traballando nesta liña’, dixo.
A rexedora avanzou que se deron grandes pasos no impulso do Arde Lvcvs no mundo, “só na última campaña en medios internacionais chegamos a 35 millóns de persoas de catro continentes, o que nos axudará a obter o recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional”.
A Alcaldesa estivo acompañada en Fitur da concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, que presentou o vídeo ‘Lugo, km 100’ para impulsar o Camiño Primitivo, e o concelleiro de Xuventude, Mauricio Repetto, que presentou o vídeo promocional do Arde Lvcvs deste ano, de formato cinematográfico.
Fitur tamén foi o escenario onde a Alcaldesa recolleu o galardón de Lugo como mellor destino turístico Tourism Women Friendly. O premio destaca a visibilización das mulleres castrexas na festa lucense de recreación histórica e foi outorgado polo xurado da Asociación Mujeres para el Diálogo y la Educación.
A Alcaldesa agradeceu este recoñecemento, “porque destaca o papel que xogou a muller lucense ao longo da historia da cidade”.
O Concello realizará un acto en Lugo para entregarlle ás mulleres castrexas este galardón.
Vídeo
Audio
- A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre FITUR | Descargar mp3
- O edil Mauricio Repetto, sobre FITUR | Descargar mp3