Os participantes do TIC Arqueolóxico, destinado á dinamización do Vello Cárcere, e o Lugo Cóidate, centrado na atención sociosanitaria, iniciaron hoxe as actividades
Méndez subliñou as temáticas elixidas pola entidade local para estas accións formativas, pois tanto as novas tecnoloxías aplicadas á posta en valor do patrimonio, como os servizos sociais, son nichos de emprego
![[A Alcaldesa dá a benvida aos 31 alumnos e alumnas dos dous novos obradoiros de emprego que acadou o Concello] A Alcaldesa dá a benvida aos 31 alumnos e alumnas dos dous novos obradoiros de emprego que acadou o Concello](https://concellodelugo.gal/sites/default/files/styles/large/public/noticias/imagenes/2017/09/290917_obradoiros_de_emprego.png?itok=PYpld7O6)
A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto aos concelleiros de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, e Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, mantivo este venres no patio central do Vello Cárcere un encontro cos 31 alumnos e alumnas, e o equipo docente, dos dous novos obradoiros de emprego que conseguiu o Concello: o TIC Arqueolóxico, destinado a dinamizar o Vello Cárcere, e o Lugo Cóidate, centrado na atención sociosanitaria. A rexedora deu a benvida aos participantes en ambas accións formativas, que arrancaron hoxe mesmo a súa actividade, desexándolles que a formación e prácticas que reciban serva para a súa “capacidade de entrar no mercado laboral”.
Méndez subliñou as temáticas elixidas polo Concello para estes dous novos obradoiros, pois tanto as novas tecnoloxías aplicadas á posta en valor do patrimonio en xeral e da arqueoloxía en particular, como a atención sociosanitaria, “teñen nicho de emprego, son profesións con futuro”, e, ademais “encaixan cos obxectivos do Concello de aproveitar a riqueza arqueolóxica da nosa cidade bimilenaria para potenciar o Vello Cárcere e de garantir servizos sociais de calidade, non en van, destinamos o 21% do orzamento a políticas sociais”.
A Alcaldesa destacou así mesmo o compromiso do Goberno coa creación de emprego, tanto con axudas directas á contratación, como fomentando o emprendemento ou facilitando formación en sectores e profesións de futuro, cun alto nivel de inserción. De feito, explicou, “só neste verán conseguimos máis de un millón de euros para catro proxectos de fomento do emprego que beneficiarán a máis de 200 lucenses, a pesar de non ter as competencias, que corresponden ás administracións central e galega”. Trátase dos dous obradoiros de emprego que arrancaron hoxe, o programa europeo Empregalia e dous cursos AFDs (Accións Formativas dirixidas a desempregados).
TIC Arqueolóxico
O obradoiro TIC Arqueolóxico, con 224.000 euros de orzamento, ten como obxectivo a posta en valor e comunicación do patrimonio arqueolóxico de Lugo, facilitar a formación de 16 desempregados maiores de 18 anos, encamiñada a acadar coñecementos para a súa posterior inserción laboral e, ao mesmo tempo, impulsar a actividade no Vello Cárcere, centro que conta precisamente cun espazo dedicado á arqueoloxía.
Segundo a proposta municipal, aprobada integramente pola Xunta, este obradoiro ten unha duración de 9 meses e desenvolverase no Vello Cárcere. Entre as actuacións principais que se contemplan nas diferentes especialidades formativas a impartir atópase a dixitalización en 3D de bens mobles e inmobles do patrimonio histórico e arqueolóxico do municipio, a elaboración de diversas programacións culturais para desenvolver no Vello Cárcere e a creación dun canal cultural.
Lugo Cóidate
O obradoiro Lugo Cóidate conta cun orzamento de 135.000€, 6 meses de duración e 15 beneficiarios, neste caso, menores de 30 anos. Ofrecerase formación e traballo no coidado e atención de persoas maiores, dependentes e nenos e nenas.