A Alcaldesa: “Cúmprense 10 anos do protocolo para crear o Museo da Romanización e a Xunta non fixo nada”

O Concello “tapa os furados” que deixa o Goberno galego na cidade, tamén no Cuartel de San Fernando, onde iniciou hoxe as obras para derrubar a antiga lavandería e acondicionar un espazo público de lecer no seu entorno de 1.000m2

“Con investir moito menos do 1% de todo o que se dedicou ao Gaiás teríamos un Museo da Romanización”

Aínda tendo a obriga legal de destinar fondos para a conservación do vello edificio militar por ser BIC dende o 2009, a Xunta só achegou 90.000€ neste tempo a través dun convenio co Concello para poder manter o inmoble en pé

Mércores, 31 de xaneiro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa: “Cúmprense 10 anos do protocolo para crear o Museo da Romanización e a Xunta non fixo nada”

O 8 de febreiro cumpriranse 10 anos da sinatura do protocolo entre a Xunta e o Concello de Lugo para crear un Museo da Romanización no Cuartel de San Fernando e dende entón “vemos que o Goberno galego non fixo absolutamente nada” para materializar este proxecto, para o que a entidade local xa fixo un “esforzo investidor tremendo” ao destinar 2,4M€ de fondos municipais para comprar o antigo edificio militar ao Ministerio de Defensa e poñelo a disposición da Administración autonómica co fin de crear o Museo, demandado pola sociedade, e no que expoñer e difundir “o inmenso patrimonio que posúe Lugo como cidade bimilenaria e a máis antiga de Galicia”.

A Alcaldesa, Lara Méndez, fixo estas declaracións durante a visita que realizou este mércores ao Cuartel xunto a Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, para supervisar o inicio das obras de demolición da vella lavandería, que dá á rúa Quiroga Ballesteros, e o acondicionamento do espazo resultante, de 1.000m2, como un área de esparexemento en pleno centro da cidade. Na visita tamén participaron os técnicos municipais que redactaron este proxecto e representantes da empresa adxudicataria das obras.

Méndez afirmou por isto que hoxe “é un día agridoce para o Concello”, xa que mentres “a Xunta está desaparecida e non fixo nada para que Lugo teña o Museo da Romanización” dende que Feijóo é Presidente, “dende o Goberno tapamos os furados e buscamos solucións para as chapuzas que nos deixa” o Executivo galego, como é neste caso o acondicionamento do entorno do Cuartel de San Fernando cunha iniciativa que, ao tempo que crea un novo espazo público de lecer, supoñerá unha importante mellora na estética urbana da zona.

Compromiso entre institucións, non entre persoas

“As institucións non son persoas, e polo tanto hai un compromiso entre institucións que o Partido Popular está incumprindo”, subliñou a Alcaldesa, quen lembrou tamén que, aínda tendo a obriga de achegar fondos para o mantemento e conservación do Cuartel de San Fernando por ser Ben de Interese Cultural (BIC) dende o ano 2009, a Xunta “o único que fixo ata o de agora foi firmar un convenio co Concello para achegar 90.000€ cada administración e poder manter o edificio en pé”.

Lara Méndez volveu de novo a reivindicar o Museo da Romanización, “que se cumpra o compromiso que adquiriu a Xunta como institución”, sinalando neste senso que se hai vontade política, hai capacidade económica: “Con moito menos do 1% de todo o que se dedicou ao Gaiás teríamos en Lugo un Museo da Romanización”.

A Xunta, ausente en Lugo

A rexedora incidiu na ausencia da Xunta en Lugo, “que non está nin se lle espera, nin no rural, pois nega fondos para saneamento, nin en sanidade, pois nega Hemodinámica 24 horas, nin en infraestruturas, pois nega a Intermodal, nin en Cultura, pois nega o Museo da Romanización”.

O acondicionamento do entorno de San Fernando, explicou Méndez, é unha actuación máis enmarcada no modelo de cidade que desenvolve o Goberno, centrado na “recuperación e posta en valor de espazos públicos, coa persoa como centro de todas as accións políticas, en a valorización de todo o casco histórico”.

Espazo de lecer

Pola súa banda, o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible asegurou que “pensamos nunha actuación sinxela, pois no proxecto do Museo da Romanización isto desaparece, xa que nesta zona se contempla a entrada ao propio Museo”. Tamén sinalou que a idea inicial do Concello foi “utilizar gravas de cores, pero en xuño Patrimonio nos informou de que só poderían ser de tons grises e houbo que cambiar o proxecto”, redactado pola empresa municipal EVISLUSA.

O orzamento destas obras é de 15.000€ e o prazo de execución dun mes. Os traballos comezarán pola demolición completa do anexo coñecido como lavandería e a galería de comunicación deste co edificio do antigo Cuartel e, posteriormente, unha vez realizadas as tarefas de desentullo e limpeza, na explanación, nivelación e acondicionamento da totalidade da parcela.

O edificio a demoler, situado na parte oeste do Cuartel, a que dá á Rúa Quiroga Ballesteros, é de planta cadrada e conta con planta baixa, primeira e baixo cuberta. Ten unhas dimensións de 8,53 por 8 metros e está situado nun terreo de 947 metros cadrados, sensiblemente rectangular. O devandito anexo está comunicado coa edificación principal por un corredor duns 4,65 metros de longo, a unha altura de 7,5 metros.

Segundo figura no proxecto, o novo espazo público de esparexemento ao carón do Cuartel de San Fernando acondicionarase con grava en distintos tons de gris, céspede e lastras, e contará cunha vintena de bancos e con árbores.

Documento

Audio

  • Lara Méndez, sobre o Museo da Romanización (I) | Descargar mp3
  • Lara Méndez, sobre o Museo da Romanización (II) | Descargar mp3

Multimedia

  • A Alcaldesa: “Cúmprense 10 anos do protocolo para crear o Museo da Romanización e a Xunta non fixo nada”

Noticias relacionadas