A alcaldesa aumenta un 33% a ornamentación das prazas coa colocación de 40.000 flores de 13 especies diferentes

Lara Méndez e o concelleiro de Medio Ambiente revisaron algunhas das áreas embelecidas esta primavera, un total de 31, ás que se incorporan cinco novas zonas.

Domingo, 30 de abril de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A alcaldesa aumenta un 33% a ornamentación das prazas coa colocación de 40.000 flores de 13 especies diferentes

A concellería de Medio Ambiente está a ornamentar as prazas da cidade con 40.000 plantas en flor para embelecer Lugo na campaña desta primavera. Serán 10.000 máis que o ano pasado, crecendo así nun 33% o número de plantas que ornamentarán os espazos públicos, de 13 especies diferentes, destacando as begonias, petunias e taxetes.

A alcaldesa, Lara Méndez, revisaba co edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández, algunhas das áreas onde se procedeu xa a mellorar a estética con cores vistosas. ”A selección realizouse tendo en conta as especies máis adecuadas para a estación e tamén as cores máis apropiadas desde o punto de vista paisaxístico”, sostivo a rexedora, “co obxectivo de acadar espazos máis atractivos e de convidar tanto á veciñanza como aos turistas e visitantes ao desfrute destes emprazamentos”.

En total,  a concellería actuará en 31 localizacións tanto do centro histórico como nos distintos barrios, sumando cinco máis ás do ano pasado, entre as que se atopan a Avenida de Madrid, as rotondas de Infanta Elena, o fondo da rúa Monforte e os xardíns dos Conservatorios, e reforzaranse, entre outros enclaves, Paradai, Rafael de Vega, Praza de San Xoán ou Agro do Rolo. O ano pasado xa se incrementaran nunha ducia as zonas co fin aumentar a  decoración floral e paisaxística daqueles puntos da capital que contan con espazos de esparexemento ou zonas comúns.

Segundo lembrou Miguel Fernández, a área de Medio Ambiente renova a imaxe floral de Lugo con dúas plantacións ao ano, unha na primavera e outra no outono. O edil agradeceu o traballo que realizan desde o servizo, “xa que se esforzan en realizar deseños e composicións que conseguen captar a atención da veciñanza”.

Multimedia

  • A alcaldesa aumenta un 33% a ornamentación das prazas coa colocación de 40.000 flores de 13 especies diferentes

Noticias relacionadas