A Alcaldesa anima á veciñanza de Fontiñas a seguir “facendo barrio e cidade” con iniciativas como a Feira Medieval

“Como non ía ter éxito esta feira, se naceu no seo dun barrio emprendedor, de xente nova; un barrio feito a si mesmo, cun gran peso na cidade: por poboación, por actividade económica e porque é unha das entradas da cidade”

“Parabéns por inspirarvos na nosa época medieval para atraer xente, por manter esta gran idea e por mellorala no tempo”

“Nas últimas décadas, esta zona nova da cidade foise asentando como unha realidade sociolóxica, e hoxe é un barrio cunha personalidade propia e unha autoidentificación clara dos seus habitantes”

“Quedan lonxe os tempos nos que os que vivían nas chamadas aforas dicían vou a Lugo cando ían ao centro. Agora todo é centro e todo é barrio; cada un no seu barrio, todos en toda a cidade”

Sábado, 01 de abril de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, ofreceu este sábado o pregón inaugural da sexta edición da Feira Medieval de Fontiñas, unha cita que reúne ata mañá postos de artesanía e alimentación, ademais de actividades e atraccións para todas as idades, tanto no bulevar como na praza do Camiño. 

“Membros da Corporación, organizadores, veciños e veciñas de Fontiñas, visitantes, amigos e amigas... Bos días a todos e todas!

Ilusión, honra e agradecemento. É o que sinto, o que sentín, cando os organizadores da Feira Medieval de Fontiñas me ofrecestes ser a pregoeira da sexta edición deste encontro. Ser Alcaldesa da cidade na que vives, na que tes a túa familia e na que, en definitiva, desenvolves o teu proxecto de vida é un orgullo, unha inmensa honra. Que ademais, os teus veciños queiran que deas o pregón das festas ou feiras que con tanto cariño e esforzo preparan durante moitos meses xa supón un extra de satisfacción, que para min ten un significado moi especial, no plano institucional e sobre todo persoal. 

Por iso, antes de nada, grazas. Moitas grazas, e moitos parabéns. Como veciña de Lugo e como Alcaldesa, quero felicitarvos: aos organizadores deste Mercado Medieval que hoxe arranca, por ter unha idea tan boa para atraer xente ao barrio e xerar actividade económica, por mantela e por mellorala no tempo; aos hostaleiros que coa súa colaboración fan posible esta cita; e tamén a todos os veciños e veciñas do barrio por contribuír de algún ou outro xeito a que a feira sexa un éxito. 

Porque a Feira Medieval de Fontiñas é un éxito, podedes estar moi orgullosos.

Falaba de que tivestes unha gran idea, porque utilizades como reclamo a historia, en concreto a época medieval. Lugo non é só a etapa romana. Se ben é certo que foron os romanos os que fundaron a nosa bimilenaria cidade e que temos unha urbe romana baixo os nosos pés, é tamén moi relevante o noso pasado medieval. Lugares icónicos desta etapa como a Praza Pío XII e o entorno da Catedral, certifícano.

Ese pasado Romano que se recrea no Arde Lucus e, que este ano temos a honra de que fose declarado Festa de Interese Turístico Nacional, evolucionou. A época Romana deixouse atrás e xurdiu a época Medieval. Máis moderna,  máis vigorosa... É o mesmo caso que As Fontiñas, e a súa festa. Quen sabe se o día de mañá temos dúas festas de Interese Turístico. 

Seguide traballando. E sempre poderedes contar con que o Concello de Lugo estea ao voso lado.

Ademais, cómo non ides ter boas ideas e cómo a Feira Medieval non ía ser un éxito, se naceu no seo dun barrio emprendedor, un barrio de xente nova que crea un barrio vigoroso no social e no económico, un barrio feito a si mesmo, levantado por xente que naceu en Lugo, pero tamén por moitas persoas doutros concellos limítrofes, do noreste da provincia, como Castroverde, Baleira, A Fonsagrada, Pol... que quixeron vivir aquí e tamén investir aquí poñendo en marcha ou ampliando ou seu propio negocio.

Hai anos que Fontiñas deixou de ser máis ca unha avenida para converterse nun barrio, cun gran peso na cidade: por poboación e por actividade hostaleira e comercial, pero tamén porque é unha das entradas da cidade. Fontiñas é a porta na cidade do Camiño de Santiago. De feito, esta mesma Praza leva o nome do Camiño.

Nas últimas décadas, esta zona nova da cidade foise asentando como unha realidade sociolóxica, e hoxe é un barrio no sentido que o é o da Milagrosa, donde vivo eu, cunha personalidade propia e unha autoidentificación clara dos seus habitantes. 

Todos os veciños e veciñas de Lugo coñecen As Fontiñas. Converteuse, por mérito propio, nunha zona de viños, famosa polo seu bo ambiente e como non, as súas tapas que ben coñecín na miña vida universitaria.

Nestes días, todo Lugo mira cara As Fontiñas. A hostalería e o comercio desta zona son realmente moi importantes, atractivos, e si se quixera –que en realidade non se quere- os seus habitantes poderían facer vida case exclusivamente no barrio, incluso de costas á cidade. Pero tanto as xentes das Fontiñas, como a da Milagrosa -e dígoo porque eu vivo na Milagrosa- queremos ser cidade. Somos cidade e facemos cidade entre todos.

Veciños e veciñas, amigos e amigas, como Alcaldesa, como pregoeira desta 6ª edición da Feira Medieval de Fontiñas, como veciña... Invítovos a gozar ao máximo deste encontro, en familia e cos amigos, a vir a Fontiñas sempre para mercar e gozar do tempo de ocio, e a seguir facendo barrio, seguir facendo cidade, como o estades a facer día a día, e co impulso de iniciativas como este mercado. Todo Lugo sabe que chega a Primavera, cando Fontiñas ten a súa feira.

Quedan lonxe os tempos nos que os que vivían nas chamadas “aforas” dicían “vou a Lugo” cando ían ao centro. 

Agora todo é centro e todo é barrio; cada un no seu barrio, todos en toda a cidade”.

Multimedia

Noticias relacionadas