Adxudicadas por preto de 920.000 euros as obras de construción das Caldas do Miño, promovidas polo Goberno de Lara Méndez

A Xunta de Goberno Local celebrada hoxe aprobou a adxudicación dos traballos á UTE Luis Villamide SL, Luclimat SL e Instalaciones Deportivas Norte SL.

As obras, que contemplan a construción de seis pozas, catro de auga quente e dúas de fría, e vestiarios, contarán cun prazo de execución de doce meses.

Lara Méndez: “As caldas suporán un gran revulsivo turístico e de recreo para a veciñanza, nun magnífico escenario como é a contorna do Miño”.

As instalacións seguirán elevados parámetros de eficiencia enerxética e o seu deseño busca o mínimo impacto visual e ambiental.

Mércores, 04 de agosto de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Adxudicadas por preto de 920.000 euros as obras de construción das Caldas do Miño, promovidas polo Goberno de Lara Méndez

O executivo municipal aprobou este mércores na Xunta de Goberno Local a adxudicación das obras de construción das Caldas do Miño, un novo equipamento de uso público e gratuíto que permitirá non só impulsar as actividades a desenvolver na contorna fluvial, senón que a cidade gañe un novo recurso cultural, de recreo e turístico.

Así, o Concello destinará un total de 919.587 euros para a posta en marcha desta nova dotación que executará a UTE formada polas empresas Luis Villamide SL, Luclimat SL, e Instalaciones Deportivas Norte SL, nun prazo máximo de doce meses.

A alcaldesa, Lara Méndez, lembrou que “as caldas serán un gran revulsivo turístico, xa que moi preto pasa o Camiño Primitivo e pode ser unha etapa de parada e de descanso para os peregrinos que escollen este itinerario xacobeo, así como para a atracción de visitantes vinculados ao turismo de experiencias, que se atopa en auxe e que nos permitirá captar un turismo de calidade”.

“Así mesmo, supoñen unha nova dotación de recreo para goce dos e das lucenses, que poderán disfrutar dunhas instalacións eficientes e modernas nun magnífico escenario como é a contorna do Miño”, engadiu a rexedora.

As caldas son un proxecto enmarcado na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% pola Unión Europea, a través dos fondos FEDER, e cuxo obxectivo é unir a trama urbana de Lugo coa súa contorna fluvial, para acadar unha cidade máis sostible, verde, innovadora e moderna.

Características das Caldas

O proxecto dotará a Lugo duns baños públicos con auga quente facendo unha chiscadela ás termas e, polo tanto, á historia cultural da cidade, aínda que non teñen un fin sociosanitario por non tratarse de augas mineromedicinais se non que proveñen da traída e acondicionaranse termicamente para o seu goce.

O equipamento situarase nunha extensión de case 400 m² dentro dunha parcela de 84.000 m² situada ao carón do Pazo de Feiras, na Avenida Fábrica da Luz, e a altura do Club Fluvial.

As instalacións foron proxectadas seguindo os máximos parámetros de eficiencia enerxética, de acordo ao modelo de cidade polo que aposta o Goberno local. Así, estarán compostas por 4 piscinas de auga quente -cunha profundidade de entre 60 e 90 cm-, dotadas dunha manta térmica removible que as protexerá fronte á intemperie para evitar perdas enerxéticas e previr caídas durante o horario de peche, e dous pediluvios de auga fría, sumando unha superficie aproximada de lámina de auga de 150 metros cadrados.

Cada unha das pozas, con aforo para 50 persoas en uso simultáneo, terá unha forma e dimensión diferentes e o recinto contará cun edificio dunha planta e con cuberta axardinada para albergar un atrio, vestiarios, aseos e os equipos de aerotermia. O Concello escolleu esta tecnoloxía para as instalacións por tratarse da opción máis rendible dende o punto de vista da eficiencia enerxética reducindo a mínimos a pegada de carbono que se xeraría cunha instalación que non estivese á altura dun proxecto innovador e de primeiro nivel que require unha cidade como Lugo.

A nova infraestrutura poderá ser empregada por toda a cidadanía, incluídas as persoas con diversidade funcional ou dificultades de mobilidade xa que dispón de itinerarios accesibles e un dos vasos está adaptado cunha rampla de acceso.

Lara Méndez lembrou, ademais, que o deseño das caldas busca o mínimo impacto visual e ambiental, “porque queremos ser tremendamente respectuosos coa zona na que se executan, unha contorna privilexiada na que estamos a traballar con diversos proxectos para que os cidadáns accedan a ela con máis facilidade e a través dunha nova mobilidade, con itinerarios a pé e en bicicleta, desde a trama urbana da cidade”.

Noticias relacionadas