Achádego Teatro recadará fondos este sábado para ao Banco de Alimentos coa obra Balas sobre Brodway

Carmen Basadre, Álvaro Santos, Tareixa Campo e Antón Sampaio presentaron a estrea desta obra, o sábado ás 20:30 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire, cunha entrada de cinco euros

Luns, 05 de decembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Achádego Teatro recadará fondos este sábado para ao Banco de Alimentos coa obra Balas sobre Brodway

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, o Vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos, a directora de Achádego, Tareixa Campo, e o director da obra, Antón Sampaio, presentaron este luns no Salón de Plenos a nova obra de Achádego Teatro Balas sobre Brodway. A obra estrearase o 10 de decembro ás 20:30 horas no Auditorio Gustavo Freire, unha función solidaria que organiza a compañía teatral todos os anos a prol dunha ONG, neste caso, o Banco de Alimentos de Lugo.

Carmen Basadre resaltou “o importante labor que leva realizado Achádego Teatro para promover a cultura nos seus 28 anos en escena, con moitas obras teatrais en galego, achegando o teatro á cidadanía e colaborando moi estreitamente co Concello”, e tamén animou a toda a cidadanía lucense a asistir a esta representación teatral, porque ademais estarán colaborando co Banco de Alimentos.

Pola súa parte, Álvaro Santos destacou “a estreita colaboración que vimos mantendo nos últimos anos con Achádego, o grupo de teatro afeccionado de maior tradición en Lugo, que ten xa unha traxectoria de 28 anos. Esta compañía realiza un importante labor, xa que está a levar a cultura por toda a provincia ata Concellos nos que é pouco habitual que cheguen montaxes deste nivel”.

Finalmente, Antón Sampaio explicou que “a obra é unha adaptación teatral da película de Woody Allen e unha homenaxe ao cine” . Narra cun ritmo trepidante unha historia ambientada no mundo dos gánsters durante e Lei Seca dos anos 20 do século pasado. Nela participan 14 actores e actrices e un amplo equipo de son e vestiario. O obxectivo do grupo é chegar á maior parte dos teatros galegos con esta aposta diferente a todo o realizado ata o momento.

A estrea da obra ten unha finalidade solidaria. Os cinco euros da entrada destinaranse integramente ao Banco de Alimentos. Ademais, “neste caso hai que engadir a finalidade solidaria desta función.

Achádego Teatro celebra o 10 de decembro o aniversario da súa creación en 1988. Nestes 28 anos, a compañía fundada por Tareixa Campo e Antón Sampaio, levou a cabo 20 montaxes de gran formato e numerosas participacións en diversas actividades culturais. Está formada por unha vintena de compoñentes.

Noticias relacionadas