Ana González Abelleira visitou este mércores os postos do mercado, que permanecerá aberto ata o vindeiro venres, 18 de decembro, ás 20:00 horas na Praza Anxo Fernández Gómez

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, visitou este mércores os postos do mercado solidario Diversiarte, que acollerá ata o vindeiro venres, 18 de decembro, ás 20:00 horas a Praza Anxo Fernández Gómez. Trátase da décima edición deste mercadiño organizado polo Concello de Lugo en colaboración cunha vintena de asociacións da cidade, para facer máis visible o traballo que realizan estas entidades sociais.
Durante a visita, González Abelleira fixo fincapé no “denominador común que existe entre o Concello e as asociacións participantes, a solidariedade”, ao tempo que convidou a todos os lucenses e visitantes a mercar un agasallo cheo de solidariedade, “que ao fin e ao cabo é o que nos une e que nos fai máis igualitarios”. Todo o recaudado neste mercado irá destinado ao labor social dos diferentes colectivos participantes para que continúen a traballar en prol da igualdade real e efectiva.
No mercado pódense atopar todo tipo de obxectos realizados polos membros das asociacións Alcer Lugo, Alucem, Alume, Adace Lugo, Adil, AFALU, Asociación Española Contra o Cancro, ALUFI, ALUSOR, ANADE, ASORLU, Asociación Galega de Lupus, Auxilia Lugo, COGAMI, ASPNAIS, ONCE, Raiolas Lugo, Down, Capaces Lugo, Asociación Parkinson Lugo, FADEMGA Plena Inclusión, Bonhomía e Centro San Vicente. Cada asociación ten o seu propio posto, no que ademais ofrecen información sobre o seu traballo. De forma simultánea ao mercadillo, mañá xoves día 17, ás 19:00 horas, haberá unha actuación musical a cargo do conxunto vocal Lugh.