A 34ª Feira do Libro de Lugo tomará a Praza Maior entre o 17 e o 22 de maio, cunha trintena de actividades para todos os públicos

Un total de 10 stands forman a oferta desta nova edición da feira do libro, que  permanecerá aberta dende as 11:30 a 14:00 horas e de 17:30 a 21:00 horas

Venres, 13 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, o Deputado de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico, Artesanía e Deseño e Normalización Lingüística, Xosé Ferreiro, a Xefa Territorial da Consellería de Cultura en Lugo, Carmen Gueimúndez, e os presidentes da Federación e Asociación de Libreiros de Galicia e Lugo, Pilar Rodríguez e Carlos Coira, respectivamente, presentaron este venres no Salón de Plenos a 34ª edición da Feira do Libro de Lugo, que terá lugar na Praza Maior do 17 ao 22 de maio, en horario de 11:30 a 14:00 horas e de 17:30 a 21:00 horas. A fin de semana e festivos, en xornada de mañá estará aberta ata as 14:30 horas.

Durante a presentación da feira, dedicada a Manuel María, no ano que se lle dedican as Letras Galegas, Carmen Basadre fixo fincapé na importancia de eventos culturais deste tipo para impulsar a cultura galega e as letras galegas, ao tempo que lembrou as actividadades organizadas polo Concello para conmemorar o 17 de maio, un concerto a cargo do conxunto vogal Lugh, a partir das 13:00 horas polo centro da cidade, e un recital homenaxe no Salón de Plenos do Concello, en xornada de tarde.

Pola súa banda, a Federación de Libreiros de Galicia e Lugo agradeceron a colaboración institucional para un ano máis poder encher de historias a Praza Maior, un aspecto no que incidiu tamén Gueimúndez e Ferreiro, que fixeron fincaeé en continuar co labor indispensable que realizan estas ferias para a lectura e a cultura.

10 stands

Un total de 10 stands forman a oferta cultural da 34 edición da Feira do Libro, 7 deles de Lugo. Este evento conta ademais cun programa formado por unha trintena de actividades dirixidas a un público de todas as idades, como contacontos, presentacións de libros, música, talleres, coloquios e mesas redondas, entre outros. Ademais, durante toda a feria, haberá un concurso de relatos, unha gravación sobre recomendacións de lecturas, unha exposición de debuxos e un concurso de tapas.

As librerías participantes son Libraría Aguirre, Biblos, Cartabón, El Faro de los Tres Mundos, Cato Neghro, La Voz de la Verdad, Pedreira, Totem e Trama. A  Deputación de Lugo tamén instalará unha caseta. Haberá un 10% de descontos en todos os libros.

Multimedia

Noticias relacionadas