Ás 19:30 horas terá lugar a inauguración do Festival Cinema de Mulleres de Lugo no Codex Cinema, e ás 20:00 horas presentarase un decálogo sobre como combater o sexismo no audiovisual, en directo, a través de Youtube

A 1ª edición do Festival Cinema de Mulleres de Lugo: FILMU, dará comezo mañá mércores, 25 de novembro, e prolongarase ata o domingo, 29 de novembro, tanto no Codex Cinema como de xeito virtual, dependendo da actividade. Trátase dun espazo de reflexión, principalmente, sobre contidos audiovisuais e igualdade, no que teñen cabida proxeccións de películas, coloquios e conversas coas propias cineastas, entre outros.
Mañá, coincidindo coa propia data do Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller, ás 19:30 horas, terá lugar a inauguración do festival no Codex Cinema, e posteriormente, ás 20:00 horas, en directo dende a canle de Youtube de FILMU, a presentación dun decálogo sobre como combater o sexismo no audiovisual, elaborado polas responsables de CIMA EDUACIÓN, a Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais.
A programación do FILMU distribúese en catro seccións diferenciadas: Plano galego, Mirada, Fundido a... Arxentina e Contrapicado, e inclúen un total de 13 películas: Os fillos da vide, A illa das mentiras, A estación violenta, Trinta Lumes, Cleo de 5 a 7, Visages, Villages; Varda par Agnès, Pornoexplotación, El proxeneta, Hijas de Cynisca; Mamá, mamá, mamá, Ínsula, La Ciénaga e Zama. As entradas poden retirarse a través da páxina web www.filmu.es. A día de hoxe hai entradas dispoñibles, agás para El Proxeneta; que están esgotadas. A entrada é libre ata completar aforo. As películas de Os fillos da vide, Hijas de Cynisca, El proxeneta e A illa das mentiras irán acompañadas dun coloquio, tras o visionado dos filmes.
A maiores, o día 26 de novembro, ás 20:00 horas, na canle Youtube de FILMU, terá lugar a mesa redonda Ser muller, ser cineasta ¿Somos Invisibles?; así como os premios Nova Onda como recoñecemento á loita pola igualdade.
Máis información en www.filmu.es