A alcaldesa reuniuse co novo equipo directivo da Escola de Música que hoxe aprobou as bases de matrícula; o horario do servizo para o vindeiro curso e tamén abordaron o próximo reto: reforzar a actividade da Banda Municipal

Martes, 14 de xullo de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
 ec-xunta_directiva_escola_musica
A Escola Municipal de Música de Lugo deu hoxe un novo paso na súa recuperación coa elección, por unanimidade do claustro de profesores, do equipo directivo que estará á fronte do centro durante os cursos 2026-2027 e o 2027-2028.

A nova dirección estará integrada por Carlos Méndez Castro, como director; Francisco Manuel Villamor Regueiro, como subdirector; Aquilino Piñeiro Costas, como xefe de estudos; e Julián Villamor Regueiro, como secretario.

A constitución deste equipo directivo permite completar a organización interna da Escola Municipal de Música e avanzar na posta en marcha do novo curso académico.

Matrícula aberta para o curso 2026-2027

Durante o claustro aprobáronse tamén as bases de matrícula para o próximo curso. As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes ata o 15 de setembro no Rexistro Auxiliar da Escola Municipal de Música, no Rexistro Xeral do Concello, na sede electrónica municipal ou por calquera dos medios previstos na normativa vixente.

O 23 de setembro, ás 11.00 horas, celebrarase o sorteo para a adxudicación de prazas. A elección de horarios terá lugar entre os días 6 e 9 de outubro, mentres que as clases comezarán o 13 de outubro.

A Escola Municipal de Música terá o seguinte  horario. Os luns de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas, e os martes, mércores e xoves de 16.00 a 19.00 horas.

Este ano como novidade o claustro decidiu que as materias do grupo D que son as agrupacións serán gratuítas para todo o alumnado. (pandereteiras, big band, grupo de metais graves, banda de música da escola …)

Impulsar a banda municipal

Tras a celebración do claustro, a alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e o concelleiro de cultura, Javier Vázquez, mantiveron un encontro co novo equipo directivo para planificar esta nova etapa da Escola Municipal de Música e abordar os próximos retos do centro.

Coa Escola Municipal de Música xa organizada, o Goberno municipal centra agora os seus esforzos na recuperación da Banda Municipal, un dos grandes obxectivos desta nova etapa.

Durante a reunión analizáronse diferentes alternativas para avanzar no proceso de designación da dirección da Banda Municipal de Música, un paso imprescindible para recuperar progresivamente a súa actividade artística e consolidar unha programación estable ao longo do ano.

Neste sentido, o Concello xa traballa na organización dos primeiros concertos, coa previsión de celebrar un primeiro o vindeiro 4 de outubro; o tradicional concerto de Santa Cecilia, a patroa dos músicos;  o Concerto de Nadal e os concertos didácticos dirixidos aos centros educativos, unha iniciativa que permitirá achegar novamente a música ao alumnado lucense.

 

Noticias relacionadas