A alcaldesa reuniuse co novo equipo directivo da Escola de Música que hoxe aprobou as bases de matrícula; o horario do servizo para o vindeiro curso e tamén abordaron o próximo reto: reforzar a actividade da Banda Municipal
- Tema
- Alcaldía,
- Música,
- Centros de ensino,
- Educación pública,
- Xuventude

Matrícula aberta para o curso 2026-2027
Durante o claustro aprobáronse tamén as bases de matrícula para o próximo curso. As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes ata o 15 de setembro no Rexistro Auxiliar da Escola Municipal de Música, no Rexistro Xeral do Concello, na sede electrónica municipal ou por calquera dos medios previstos na normativa vixente.
O 23 de setembro, ás 11.00 horas, celebrarase o sorteo para a adxudicación de prazas. A elección de horarios terá lugar entre os días 6 e 9 de outubro, mentres que as clases comezarán o 13 de outubro.
A Escola Municipal de Música terá o seguinte horario. Os luns de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas, e os martes, mércores e xoves de 16.00 a 19.00 horas.
Este ano como novidade o claustro decidiu que as materias do grupo D que son as agrupacións serán gratuítas para todo o alumnado. (pandereteiras, big band, grupo de metais graves, banda de música da escola …)
Impulsar a banda municipal
Tras a celebración do claustro, a alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e o concelleiro de cultura, Javier Vázquez, mantiveron un encontro co novo equipo directivo para planificar esta nova etapa da Escola Municipal de Música e abordar os próximos retos do centro.
Coa Escola Municipal de Música xa organizada, o Goberno municipal centra agora os seus esforzos na recuperación da Banda Municipal, un dos grandes obxectivos desta nova etapa.
Durante a reunión analizáronse diferentes alternativas para avanzar no proceso de designación da dirección da Banda Municipal de Música, un paso imprescindible para recuperar progresivamente a súa actividade artística e consolidar unha programación estable ao longo do ano.
Neste sentido, o Concello xa traballa na organización dos primeiros concertos, coa previsión de celebrar un primeiro o vindeiro 4 de outubro; o tradicional concerto de Santa Cecilia, a patroa dos músicos; o Concerto de Nadal e os concertos didácticos dirixidos aos centros educativos, unha iniciativa que permitirá achegar novamente a música ao alumnado lucense.
