Rubén Arroxo e Alexandre Penas visitan o Carril das Flores onde vén de abrir ao tránsito peonil a nova pasarela

Arroxo: "Avanzamos nun proxecto que eliminará un dos puntos de maior deterioro urbano da cidade, creando unha contorna máis amable, accesible e integrada co Camiño Primitivo e coa Muralla".

A construcción das novas estruturas continúa dentro do prazo planificado pola Tenencia de Alcaldía.

Luns, 27 de abril de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Rubén Arroxo e Alexandre Penas visitan o Carril das Flores onde vén de abrir ao tránsito peonil a nova pasarela

O Tenente de Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado do edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, visitou esta mañá o Carril das Flores para comprobar o avance das obras de renovación integral, que entran nunha nova fase coa apertura do tránsito peonil na nova pasarela. "Avanzamos nun proxecto que eliminará un dos puntos de maior deterioro urbano da cidade, creando unha contorna máis amable, accesible e integrada co Camiño Primitivo e coa Muralla", sinalou Arroxo, quen destacou que o inicio da colocación da nova estrutura marca un fito importante dentro da actuación.

A intervención permitirá converter o Carril das Flores nunha plataforma única, con prioridade peonil, novos espazos verdes e zonas de convivencia, ademais da renovación integral dos servizos urbanos, alumeado e drenaxe. Con esta actuación, a Tenencia de Alcaldía continúa avanzando na creación do gran eixo peonil leste-oeste da cidade, reforzando a conexión entre barrios e apostando por un modelo de cidade máis sostible e pensado para as persoas.

A actual pasarela do Carril das Flores, ubicada na zona próxima á rolda da Muralla, está a ser renovada construíndo unha nova estrutura metálica lixeira sobre piares e vigas coa cimentación soterrada. "Deste xeito, conseguimos que o muro orixinal se vexa íntegro e ampliamos o ancho da parte inferior en, polo menos, 1,2 metros", explicou Rubén Arroxo. A solución plantexa unha integración estética que aporte continuidade á Mosqueira e á praza do CAmiño Primitivo "dando unha imaxe de uniformidade ao longo do Carril das Flores". A parte superior manterá o pavimento de plaqueta, mentres que a zona superior habilitarase unha calzada de formigón e unha zona peonil baseada en granito, con xardineiras de aceiro Corten e instalando novos bancos.

Na parte inferior realizarase un falso teito cunha cor clara para dar contraste á estrutura "e crear un bo ambiente visual que transforme por completo a zona", dixo Arroxo.

O Carril das Flores converterase nunha plataforma única con zonas de tránsito peonil e para os vehículos que saian do aparcamento ben diferenciadas. O pavimento será de formigón e a nova rúa contará con espazos axardinados e bancos. Renovarase todo o alumeado da vía, soterrando as canalizacións e ampliando a rede "para eliminar por completo as zonas escuras". Para esta vía reutilizaranse as columnas de alumeado de fundición que se recuperaron do casco histórico, "dando unha mellor imaxe á contorna e avanzando na implantación de alumeado LED", explicou Rubén Arroxo.

Renovarase tamén o sistema de drenaxe, instalando unha canaleta lonxitudinal que recolla toda a auga superficial da calzada, dado que a pendente da zona non permite a colocación de drenaxe oculta. Ademais, renovaranse as canalizacións de saneamento e a rede de abastecemento, onde se elimina o PVC e se instalará fundición dúctil con novas bocas de rego e incendio, ademais de rego automaático nas zonas verdes proxectadas.

Audio

  • O Tenente de Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, sobre o Carril das Flores | Descargar mp3

Multimedia

  • Rubén Arroxo e Alexandre Penas visitan o Carril das Flores onde vén de abrir ao tránsito peonil a nova pasarela

Noticias relacionadas