Abraham Cupeiro pechará cun concerto único e exclusivo o 25 aniversario do Arde Lvcvs na Praza de Santa María

As áreas de Alcaldía e Xuventude optaron polo multiinstrumentista e musicólogo sarrián, que leva tempo preparando un espectáculo específico que servirá de colofón desta festa.

O concerto gratuíto será o domingo, 21 de xuño, tralo apagado do lume sagrado. Na actuación terá gran importancia o karnyx, instrumento co que arrancará o recital.

O Concello contou coa colaboración da Diocese de Lugo para unha actuación, que o alcalde sinala que será “irrepetible, inesquecíbel e perfecta para pechar o Arde Lvcvs”.

Martes, 24 de marzo de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Abraham Cupeiro pechará cun concerto único e exclusivo o 25 aniversario do Arde Lvcvs na Praza de Santa María

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, presentou hoxe, xunto ao concelleiro de Urbanismo, Deportes e Xuventude, Jorge Bustos, e o multiinstrumentista e musicólogo galego, Abraham Cupeiro, o concerto que servirá de colofón ao 25 aniversario da festa de recreación histórica do Arde Lvcvs. A Praza de Santa María será o escenario no que actuará o músico de Sarria, nun recital gratuíto que será único, posto que se está a crear exclusivamente para o Arde Lvcvs, tal e como explicou o propio artista. Pola súa banda, o alcalde sinalou que vai ser “un espectáculo único, inesquecíbel e irrepetible, e cremos que tamén será a forma perfecta de pechar por todo o alto a festa do Arde Lvcvs nesta edición tan especial”.

Miguel Fernández agradeceu o traballo que leva tempo preparando Abraham Cupeiro, para crear un concerto que sirva de colofón á festa, ao tempo que recoñeceu a axuda da Diocese de Lugo, esencial, posto que o espectáculo na Praza de Santa María precisa dunha montaxe e dunha iluminación especiais.

Segundo se deu a coñecer na propia rolda de prensa de presentación desta actuación, Cupeiro esta a construír algúns dos karnyx que utilizará no concerto, así como outros instrumentos ancestrais, empregados con fins bélicos pero tamén en rituais, que fabrica de xeito artesanal. Neste sentido, o alcalde de Lugo destacou que “co espectáculo de Cupeiro vaise unir a recuperación dos instrumentos musicais de recreación histórica co propio patrimonio que supón a Catedral e a Praza de Santa María. Por iso falamos de concerto único e irrepetíbel”.

Pola súa banda, o edil de Xuventude e encargado do programa do Arde Lvcvs lembrou que “a idea de contar con Abraham Cupeiro xa xurdiu hai tempo, porque para o aniversario dos 25 anos buscabamos algo diferente, de moito nivel e de casa. Pensamos que Abraham Cupeiro é o peche perfecto para a festa, non só por ser unha referencia na música a nivel internacional, senón tamén pola súa faceta de artesán de instrumentos de recreación histórica”. Ademais, Jorge Bustos agradeceu ao músico a súa implicación co Arde Lvcvs, explicando que “en canto lle fixemos a proposta e sabendo que era para pechar esta festa, non tivo ningunha dúbida”.  

Segundo explicou o propio Cupeiro, este espectáculo, no que leva mes e medio traballando, está concebido expresamente para esta festa “nunha praza que é especial para min e na que sempre soñei con tocar, polo que estou moi agradecido”.  

Así, está previsto que as súas obras máis emblemáticas como O Anel de Pedra, a banda sonora da Muralla, soen xunto a composicións inéditas creadas para a ocasión, nas que o musicólogo galego estará arroupado por un ensemble de 10 músicos. O propio Abraham Cupeiro sinalou que “para este concerto instrumentos como o cornus romano se unirán a outros moi presentes nas culturas célticas de toda Europa, como o karnyx, un instrumento que sonou hai uns días no Stade de France, o estadio nacional de Francia, pero a sonoridade desta praza é algo bastante especial”.  

O multiintrumentista adiantou que “o gran fito desta proposta histórica será escoitar, por primeira vez en milenios, tres cornos romanos e tres karnyx celtas resoando ao unísono”. De feito, son os mesmos instrumentos, fabricados por el, cos que gravaron a banda sonora de Gladiator II. Hai que ter en conta que “pese a que estes instrumentos son pezas destacadas na miña obra, en ningunha outra parte do mundo se poderán ver todos soando á vez”, comentou Cupeiro.

Máis info

Multimedia

  • Abraham Cupeiro pechará cun concerto único e exclusivo o 25 aniversario do Arde Lvcvs na Praza de Santa María
  • Abraham Cupeiro pechará cun concerto único e exclusivo o 25 aniversario do Arde Lvcvs na Praza de Santa María
  • Abraham Cupeiro pechará cun concerto único e exclusivo o 25 aniversario do Arde Lvcvs na Praza de Santa María
  • Abraham Cupeiro pechará cun concerto único e exclusivo o 25 aniversario do Arde Lvcvs na Praza de Santa María

Noticias relacionadas