O Concello de Lugo reforza o mantemento do alumeado no rural con 46 actuacións durante o mes de febreiro

Os traballos permitiron actuar en máis dun cento de puntos de luz en distintas parroquias, ademais da reposición de luminarias, fusibles e a reparación de incidencias provocadas por temporais.

As intervencións incluíron reparacións de alumado apagado, revisións da rede eléctrica e actuacións complementarias para garantir o correcto funcionamento das instalacións nas parroquias do municipio.

Miguel Fernández sinalou que “o mantemento do alumeado público no rural é fundamental para garantir a seguridade e a calidade de vida nas parroquias”.

Mércores, 11 de marzo de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo reforza o mantemento do alumeado no rural con 46 actuacións durante o mes de febreiro

O Concello de Lugo continúa reforzando os traballos de mantemento do alumeado público nas parroquias do municipio. Durante o mes de febreiro, a brigada municipal de Eléctricos realizou 46 actuacións en distintos puntos do rural, centradas na reparación de avarías, a reposición de luminarias e a mellora do funcionamento da rede de iluminación pública.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, destacou que estas intervencións forman parte do traballo continuo de mantemento que se desenvolve ao longo de todo o ano para garantir o correcto funcionamento das instalacións municipais. “O alumeado público é un servizo esencial para o día a día das parroquias, tanto pola seguridade nos camiños e nas estradas como pola calidade dos espazos públicos”, sinalou o rexedor.

No conxunto destas actuacións realizáronse intervencións en máis dun cento de puntos de luz, incluíndo a reparación de luminarias avariadas, a reposición de lámpadas e fusibles e a revisión de diferentes elementos da rede eléctrica. Estes traballos permitiron restablecer o funcionamento do alumeado en distintos núcleos do municipio e mellorar as condicións de iluminación en varias vías e espazos públicos.

Fernández subliñou tamén que o Goberno local mantén unha atención permanente ás necesidades das parroquias, “porque garantir o bo funcionamento dos servizos públicos no rural é fundamental para mellorar a seguridade e a calidade de vida da veciñanza”.

Reparacións e incidencias provocadas polos temporais

Unha parte importante das actuacións estivo relacionada coa resolución de incidencias provocadas polos temporais rexistrados nas últimas semanas, que afectaron a diferentes puntos da rede eléctrica municipal.

Nestes casos foi necesario actuar sobre liñas e puntos de iluminación afectados, reparar avarías e revisar o funcionamento das instalacións para restablecer o servizo con normalidade.

As intervencións desenvolvéronse en distintos núcleos e parroquias do municipio, entre elas Muxa, A Campiña, Orbazai, Carballido, Santalla de Lamas, San Xoán do Campo, Abelairas ou O Cainzo, entre outras localizacións nas que se realizaron reparacións e revisións do alumeado público.

Mantemento continuo da rede municipal

Ademais da reparación directa de puntos de luz, os traballos incluíron substitución de lámpadas e fusibles, revisión de instalacións e comprobación do funcionamento da rede eléctrica, co obxectivo de garantir unha iluminación axeitada nas vías e espazos públicos do rural.

Nalgunhas zonas tamén foi necesario realizar actuacións complementarias como a retirada de ramas ou elementos que interferían nas liñas eléctricas, co fin de evitar novas incidencias e mellorar o funcionamento do servizo.

Este tipo de tarefas forman parte do mantemento periódico da rede municipal de alumeado público, que require intervencións continuas para resolver avarías, revisar instalacións e asegurar que o servizo funcione correctamente nas parroquias do municipio.

Multimedia

  • O Concello de Lugo reforza o mantemento do alumeado no rural con 46 actuacións durante o mes de febreiro

Noticias relacionadas