O concelleiro de Urbanismo, Jorge Bustos, destaca a capacidade de Lugo para “desenvolver unha planificación urbana innovadora e adaptada ao cambio climático”.
A arquitecta municipal, Susana Penedo, puxo en valor as posibilidades dos “sistemas urbanos resilientes para reducir emisións e mellorar a calidade ambiental das cidades”.
Explicáronse distintos proxectos municipais como parte dunha planificación urbana innovadora, que incorpora natureza, eficiencia enerxética e economía verde e circular.

O Concello de Lugo participou esta mañá nun foro nacional sobre cidades sostibles centradas na bioeconomía, organizadas polo Ministerio para la Transición Ecológica y Reto Demográfico do Goberno Central. A institución municipal estivo representada polo concelleiro de Urbanismo, Jorge Bustos, e a arquitecta municipal, Susana Penedo, nunha xornada na que Lugo compartiu protagonismo “para falar de distintos proxectos, relacionados con cidades sostibles capaces de desenvolver unha planificación urbana innovadora e adaptada ao cambio climático”, segundo comentou o edil responsable desta área, Jorge Bustos.
Coa participación lucense neste foro nacional púxose en valor “as posibilidades de cidades como Lugo para implantar e desenvolver sistemas urbanos resilientes, capaces de reducir as emisións, mellorar a calidade ambiental e fomentar a bioeconomía, todo elo mediante a súa adaptación aos efectos xerados polo cambio climático”, explicaron desde a área de Urbanismo. Precisamente, un dos obxectivos deste foro é que as accións realizadas en cidades como é o caso de Lugo sexan modelo para ser replicado noutras cidades europeas e ser referencia internacional en planificación urbana sostible, adaptación climática e bioeconomía urbana.
Para falar de todas estas cuestións, no citado foro presentáronse distintos proxectos desenvolvidos en Lugo, como parte dunha planificación urbana innovadora, que incorpora natureza, eficiencia enerxética e economía verde e circular. Por iso, na participación de Susana Penedo, falouse das posibilidades de Lugo para desenvolver este tipo de iniciativas, ás que contribúe o seu patrimonio natural, o seu entorno forestal e o seu potencial en bioeconomía. De feito, estes foron algúns dos conceptos máis destacados para explicar o compromiso de Lugo coa conciencia ambiental, a adaptación ao cambio climático, o desenvolvemento de sinerxías entre sectores e novas estratexias sostibles, como é o caso do edificio do Impulso Verde e da súa contorna, “demostrando que é posible cambiar o modelo construtivo cara a materiais renovables e sostibles”.
Neste sentido, fíxose fincapé nas solucións reais aplicadas a este proxecto, centradas no fomento da autosuficiencia e a agricultura urbana; a plantación de frondosas autóctonas; o cultivo enerxético, para xerar enerxía renovable e reducir a dependencia enerxética; ou a planificación urbana biodinámica, coa que integrar infraestruturas verdes, natureza, urbanismo, clima e sociedade.
Tamén destacouse o papel de Lugo neste novo modelo de urbanismo, non só polo emprego de infraestruturas verdes, a utilización da madeira ou a reducción de emisións, senón por apostar por urbes adaptadas ao cambio climático, que priman os espacios verdes, a accesibilidade e a economía circular, nunha bioeconomía que se presenta como novo motor económico para Lugo.


