Alcaldía e a área de Xuventude presentaron a campaña “Lugo, un encontro coa historia” no que se pon en valor o patrimonio lucense, como eixo principal, unido á riqueza paisaxística, gastronómica e cultural.
O stand de Galicia na Feira Internacional de Turismo acolleu a proxección do novo vídeo do Arde Lvcvs, que creou tanta expectación como eloxios entre o público asistente.
O alcalde dixo que “con Fitur ábrese un amplo proceso de internacionalización da festa castrexa e romana, que constitúe un espazo vivo de memoria e de proxección da cidade”.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, presentou esta mañá na Feria Internacional de Turismo, Fitur, a campaña “Lugo, un encontro coa historia”, coa que queremos amosar o gran potencial dunha cidade que ten moito que ofrecer, co patrimonio lucense, como eixo principal, unido á riqueza paisaxística, gastronómica e cultural”. Nesta campaña ten especial protagonismo o Arde Lvcvs, a festa de recreación histórica que este ano cumpre 25 edicións. Segundo explicou o rexedor lucense “nesta feira abrimos un proxecto co que imos afianzar a internacionalización do Arde Lvcvs, non só como unha referencia en Europa das festas de recreación histórica senón como un evento que constitúe un espazo vivo de memoria e de proxección da cidade”.
Neste sentido, o alcalde de Lugo destacou que “é unha honra estar hoxe aquí, nunha das feiras máis relevantes do sector turístico a nivel mundial, e tamén é un orgullo facelo como alcalde de Lugo, unha cidade que ten moito que ofrecer e que descubrir”. Nesa campaña que pon en valor o pasado da cidade e o rico patrimonio histórico-artístico, o Arde Lvcvs cobra especial relevancia, polo que “tras este 25 anos, e unha vez distinguida como Festa de Interese Turístico Internacional, quixemos salientar unha proxección que derruba fronteiras, ensinando ao mundo enteiro todo o que se pode lograr con unión, con compromiso coa historia, co patrimonio e co coidado e a promoción do pasado lucense”, sinalou Miguel Fernández.
Na presentación da campaña lucense, o rexedor falou o que supón este evento e as razóns do seu éxito, explicando que “sempre comento o grao de implicación sen precedentes dos seus participantes: da propia cidadanía, das asociacións de recreación histórica que operan en Lugo, dos colectivos sociais, dos colexios, ou do tecido empresarial e económico de todo un municipio”, ao que Miguel Fernández tamén sumou a participación das lexións e colectivos chegados doutras comunidades autónomas de España e tamén das tropas estranxeiras doutros países europeos, que favorecen o continuo avance desta festa.
O Arde Lvcvs foi o principal protagonista da campaña turística da cidade de Lugo como quedou patente co vídeo que pechou a intervención do alcalde, e cuxa proxección xerou tanta expectación como eloxios. Miguel Fernández comentou ao respecto que “este vídeo servirá para facer promoción da festa e da cidade con outras accións coas que avanzar nese proceso de internacionalización, como a presencia de Lugo na Feria Internacional de Turismo BTL de Lisboa, ou a celebración en Lugo da Asamblea Nacional da Asociación Española de Fiestas de Recreación Histórica, coa asistencia de representantes de máis de 60 eventos deste tipo”. Precisamente, para avanzar nesta última actividade e noutras accións turísticas, o rexedor lucense aproveitou a súa participación en Fitur para reunirse co presidente deste colectivo nacional e co máximo responsable da Asociación Europea de Fiestas de Recreación Histórica.
Sobre a esencia do Arde Lvcvs, o alcalde sinalou que “permite imbuírse nunha auténtica urbe romana, pasear polo único adarve e recinto amurallado completo que queda no territorio imperial, empaparse da cultura castrexa e romana, dos oficios artesanais daquela era, dos campamentos militares das lexións romanas e dos pobos galaicos… en definitiva, unha viaxe ao pasado que constitúe un espazo vivo de memoria e de proxección da cidade”.
O alcalde de Lugo lembrou ademais reclamos internacionais como os tres patrimonios da humanidade,- a muralla, a catedral e o Camiño Primitivo -, que se suman a unha celebración, que, sinalou “destila historia, arte, lendas, antigas civilizacións, batallas, conquistas e moita cultura”.
Miguel Fernández rematou a súa intervención en Fitur invitando a “visitar Lugo, para descubrir a nosa cidade e a empaparse da cultura romana e castrexa, aínda que sexa por uns días”, e dando paso ao novo vídeo do Arde Lvcvs, co que se fará promoción a unha festa que, do 18 ao 21 de xuño, alcanzará o seu carto de século.
Na presentación, estiveron representadas as asociacións de recreación histórica, que forman parte importante do Arde Lvcvs, coa asistencia dos colectivos Saleciani Luci Augusti, Kertix, Senatus Lucus Augusti e Lugdunum, ademais do edil responsable desta festa, que depende da área de Xuventude, Jorge Bustos.
Máis info
- O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sobre a presentación da Feria Internacional de Turismo, Fitur | Descargar mpeg



