Máis de 30 axentes participaron nun curso para ampliar as súas habilidades operativas en intervencións con baixa luminosidade e asistencia sanitaria táctica.
As xornadas incluiron prácticas de tiro con airsoft, técnicas de intervención en interiores e manexo de protocolos sanitarios como o MARCH.
Paula Alvarellos destacou que “a instrución constante dos nosos axentes é esencial para mellorar a súa operatividade e garantir que poidan responder con éxito ás situacións máis complexas, protexendo sempre á cidadanía”.

Máis de 30 axentes da Policía Local de Lugo culminaron hoxe unha acción formativa orientada a mellorar as súas habilidades tácticas e operativas, co obxectivo de reforzar a súa capacidade para ofrecer unha mellor atención á cidadanía en situacións de emerxencia. O curso, que se celebrou entre o 15 e o 17 de outubro, abarcou desde o manexo de armas con baixa luminosidade ata protocolos de asistencia sanitaria táctica como o MARCH.
A alcaldesa, Paula Alvarellos, subliñou a importancia de manter unha formación continuada entre os corpos de seguridade: "A formación constante dos nosos axentes é esencial para mellorar a súa operatividade e garantir que podan responder con éxito ás situacións máis complexas, protexendo sempre á cidadanía."
Pola súa parte, Jesús Piñeiro, intendente xefe da Policía Local, explicou que "este tipo de formacións foron fundamentais para que os nosos axentes se adapten ás necesidades de intervención actuais, onde a rapidez e a eficacia son claves." A formación abordou aspectos clave como o uso de torniquetes, desprazamentos tácticos en interiores de inmobles (CQB), e exercicios de tiro con airsoft, ademais de prácticas avanzadas de intervención sanitaria en situacións de combate urbano.
Dentro do programa, os participantes realizaron exercicios prácticos que simularon escenarios reais, incluíndo o tiro en movemento, a curta distancia e técnicas avanzadas como a 'rodesiana', sempre co obxectivo de mellorar a súa operatividade no día a día.
O intendente xefe tamén destacou que "a combinación de técnicas de tiro con formación en primeiros auxilios para situacións tácticas dotou aos axentes dunha preparación integral, necesaria para actuar en todo tipo de contornas".
O curso abarcou unha duración de 24 horas, distribuídas en módulos teóricos e prácticos, con especial atención ao traballo en equipo e á toma rápida de decisións baixo presión. Incluíu tamén o uso de materiais especializados como bastóns extensibles e escudos investidos, que os axentes empregaron en escenarios simulados para avaliar a súa reacción ante diferentes tipos de ameaza.



