Paula Alvarellos, acompañada do edil de Xuventude Jorge Bustos, desexoulle sorte na competición que lle enfrontará a tres aspirantes de España, Perú e Arxentina.

A alcaldesa Paula Alvarellos, xunto ao edil de Xuventude, Jorge Bustos, recibiron hoxe ao lucense Óscar Rodríguez de Vivero, que con só 19 anos disputará o vindeiro 17 de outubro no Campionato do Mundo de Oratoria en Español, que se disputa en Bos Aires. Alvarellos e Bustos se interesaron pola dinámica desta final a catro e desexáronlle sorte nunha competición con gran seguimento internacional, organizada pola Rede Latinoamericana de Cooperación Universitaria e a Liga Española de Debate Universitario (Ledu).
O lucense representará á Universidade Carlos III de Madrid, onde na actualidade cursa os seus estudos, e se enfrontará aos outros tres finalistas procedentes da Universidade de Belgrano, en Bos Aires, que exerce ademais de anfitriona; da Universidade Nacional Maior de San Marcos de Lima, en Perú, e da Universidade Pontificia de Comillas, da que chega o outro representante español neste mundial.
Respecto a Óscar Rodríguez, a alcaldesa sinalou que “seguimos a súa traxectoria desde hai tempo, cando xa despuntaba no instituto Ollos Grandes. Xunto a el, a área de Xuventude deste Goberno local, puxemos en marcha a I Liga de Oratoria Intercentros para promover estas habilidades e incentivar o traballo en equipo entre a mocidade lucense”.
Ao falar de que agora Óscar Rodríguez nos represente neste campionato, Paula Alvarellos lembrou como este mozo lucense superou varias fases clasificatorias competindo fronte a máis de 400 aspirantes dunha vintena de países. Ademais, fixo fincapé en que “para Lugo é todo un orgullo que a xente moza con tanto talento leve o nome da cidade por todo o mundo, máis aínda nunha disciplina que incentiva o pensamento crítico entre a xuventude, a súa visión da sociedade e que reivindica o diálogo, tan necesario nestes tempos”.


