O Concello recibiu nos últimos 2 anos o Premio Ciudad de la Ciencia y la Innovación (2023); a Pajarita Azul (2024); a Bandeira Verde (2024) e o XIII Premio Progreso (2025).
Miguel Fernández: “Estes galardóns non son só un recoñecemento, son tamén un estímulo para seguir impulsando proxectos que melloren a vida da veciñanza”.
“O noso modelo aposta pola calidade de vida, pola protección do entorno e por un desenvolvemento económico sustentable”, subliñou o rexedor.

O compromiso firme do Goberno Municipal co desenvolvemento sostible e a innovación converteu a Lugo nunha das cidades máis destacadas do panorama estatal en materia de transformación urbana responsable. Así o reflicten varios recoñecementos de carácter autonómico e nacional que nos últimos anos puxeron en valor as políticas implementadas pola administración local.
“O traballo que vimos desenvolvendo desde o Concello sitúa a Lugo como unha referencia a nivel estatal, demostrando que é posible avanzar cara a un modelo de cidade moderna, verde e innovadora sen deixar a ninguén atrás”, destacou o alcalde Miguel Fernández. “Estes galardóns non son só un recoñecemento, son tamén un estímulo para seguir impulsando proxectos que melloren a vida da veciñanza”, engadiu.
Entre os últimos recoñecementos destaca a Bandeira Verde de Galicia, un distintivo outorgado pola Consellería de Medio Ambiente que identifica aos municipios máis comprometidos co medio ambiente. Lugo é, de feito, a primeira e única das grandes cidades galegas en recibir este selo, que premia accións como a renaturalización de espazos, a creación de áreas verdes, a mellora da reciclaxe, a aposta por enerxías renovables ou a peonalización de zonas urbanas.
Tamén no eido ambiental, Lugo foi distinguida co premio Pajaritas Azules, outorgado pola entidade nacional Aspapel. Este recoñecemento avalía a excelencia na recollida selectiva de papel e cartón, así como a eficacia das campañas de concienciación cidadá. “Recibir este galardón é unha mostra de que a nosa xestión ecolóxica está entre as mellores do Estado”, afirmou o alcalde Miguel Fernández, quen recolleu o premio en Madrid.
No campo da innovación, Lugo foi distinguida como Ciudad de la Ciencia y la Innovación, un galardón do Ministerio de Ciencia e Innovación que recoñece o impulso do Concello para transformar o territorio mediante proxectos sustentables apoiados en fondos europeos. A distinción permitiu a Lugo integrarse na Rede Innpulso, un foro estatal de cidades innovadoras. A iniciativa municipal Lugo Transforma, orientada á captación de talento e á creación de emprego de calidade, foi un dos puntos fortes valorados polo xurado.
Por último, Lugo vén de recibir o XIII Premio Progreso, outorgado pola Fundación para o Desenvolvemento dos Pobos de Andalucía e a Federación Andaluza de Municipios e Provincias. Este galardón recoñece a estratexia integral do Concello para facer da cidade un referente de sostibilidade, accesibilidade e cohesión social a través de proxectos como o LIFE Lugo + Biodinámico.
“Estes premios confirman que estamos no bo camiño. Lugo soubo interpretar os retos do século XXI e responder con políticas valentes, pensadas para o presente pero sobre todo para o futuro. O noso modelo aposta pola calidade de vida, pola protección do entorno e por un desenvolvemento económico sustentable”, concluíu Miguel Fernández.

