Varias empresas da cidade colaboran co programa +XTÍ do Concello con ofertas para os socios e socias

Venres, 05 de marzo de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo continúa coas actividades de prevención de drogodependencias entre a mocidade lucense a través da campaña Sábados +XTI. O Concello acaba de chegar a un acordo con dúas empresas da cidade, Boleira Pleno e Cines As Termas, que ofertan descontos especiais para os socios do programa.

Os socios e socias dos Sábados +XTÍ poderán disfrutar xunto con catro acompañantes de partidas a 2`70 euros na Boleira Pleno. Esta oferta terá vixencia de luns a venres (excepto festivos) de 16:00 a 21:00 horas, e os sábados, domingos e festivos ata as 15:00 horas.

Outras vantaxes das que poden disfrutar os socios e socias na Boleira: 100 partidas completamente gratis que se entregarán na sesión do Programa Sábados +XTÍ a aqueles socios e socias que veñan acompañados de 2 novos socios ou socias. Cada socio terá dereito a unha partida e a convidar a outra partida aos novos membros. Os horarios para disfrutar destas partidas totalmente gratuítas son de luns a venres das 16:00 ás 21:00 horas (excepto festivos e vísperas de festivos)

No caso do cine As Termas oferta entradas a prezo reducido (5,10 euros película normal e 7,10 euros películas en 3D) para todas as sesións e todos os días da semana.

Outras vantaxes coas que contarán os membros do +XTÍ, serán 10 entradas completamente gratis que se entregarán os sábados entre os participantes asistentes ao Sábado +XTÍ. Ademais, un sábado ás 12:00 horas (cada 2 meses) haberá unha sesión completamente gratuíta para todos os socios e socias do programa. A primeira sesión será o día 27 de marzo.

 
O programa
O obxectivo dos Sábados +XTÍ é evitar prácticas pouco saudables, así como a iniciación no consumo de alcol e tabaco promovendo actividades saudables e lúdicas que resulten atractivas para a mocidade nun espazo no que socializarse e no que non se asocie o uso das drogas coa diversión.

Entre as actividades hai concursos, desfiles, baile libre, maquillaxe, malabares, maxia, exhibicións, concertos, deseño de camisetas, cursos de baile, festas temáticas, clases de hip-hop, monólogos, chistes, tattoo de henna, etc. Actividades que resultan atractivas para os mozos e mozas da cidade coas que cubrirán as súas necesidades de relacionarse cos demais nun espazo saudable.

As actividades teñen lugar entre as 18:00 e as 22:00 horas todos os sábados de setembro de 2009 a maio de 2010, no local da Discoteca BOE, sito na rúa Otero Pedraio nº 20. O prezo da entrada é de 3 euros.

Para inscribirse nesta actividade, deben chamar ao teléfono de atención á cidadanía 010 (982 297 350 se chaman dende fóra de Lugo).

www.lugo.es/prevenciondrogas

 

Noticias relacionadas