Urbanismo mellora a accesibilidade da Rolda da Muralla coa substitución do adoquinado entre a Porta Falsa e a de San Fernando

A actuación, que comezaba hoxe, terá unha duración de tres semanas e un custo de 24.000 €

O novo pavimento, similar ao instalado entre a porta de San Pedro e a da Estación en 2018, pretende avanzar na supresión de barreiras e crear itinerarios accesibles na cidade

Mércores, 18 de novembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Urbanismo mellora a accesibilidade da Rolda da Muralla coa substitución do adoquinado entre a Porta Falsa e a de San Fernando

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e o edil de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, supervisaban esta mañá o inicio dos traballos para mellorar a accesibilidade da Rolda da Muralla.

A actuación consistirá, fundamentalmente, na substitución do actual adoquinado por outro pavimento que facilite os desprazamentos peonís, na zona comprendida entre a Porta Falsa e a de San Fernando.

“Atendemos así as demandas da cidadanía que en múltiples ocasións nos teñen solicitado este cambio para favorecer o tránsito de persoas, especialmente aquelas con diversidade funcional, que precisan dunha cadeira de rodas, ou mesmo para facilitar o paso de carriños de bebé, etc co obxectivo de alcanzar un Lugo cota cero, totalmente integrador tanto para a veciñanza como para as e os turistas que nos visitan”, sinalou a alcaldesa.

“Facémolo ademais nunha contorna moi sensible, por tratarse de obras que incumben a un dos nosos maiores patrimonios e nun emprazamento no que a propia entrada ao recinto histórico se atopa condicionada pola propia configuración arquitectónica do monumento, xa que este paso carece de rampla, polo que resultaba de obrigado cumprimento mellorar o percorrido que conduce ao seguinte acceso”, indicou Lara Méndez.

Pola súa parte, o concelleiro de Urbanismo Sostible, trasladou que “a intervención implicará o cambio das lastras de granito por baldosas do mesmo material pero diferente acabado, moito máis cómodo e seguro para as e os viandantes con mobilidade reducida, se adaptarán tamén as tapas de rexistro existentes e se acometerán os rebaixes nos pasos de cebra cun pavimento táctil sinalizador”.

Os traballos, que se prolongarán durante tres semanas e terán un custo de 23.822’14€, se cofinanciarán ao 35% cos fondos excedentes da convocatoria da fase 14 do Arru do Casco Histórico.

Miguel Couto aclarou igualmente que o firme terá características similares ao instalado en 2018 no tramo comprendido entre Montero Ríos e a Porta da Estación cando o Concello investiu preto de 47.000 euros para incrementar a mobilidade e crear itinerarios accesibles nesta parte da capital.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a substitución do adoquinado na Rolda da Muralla | Descargar mp3

Noticias relacionadas