O operativo de limpeza arrincará ás 07:15 horas do xoves e inclúe recollida selectiva, desinfección de zonas sensibles e supervisión continua por parte de capataces.
Retíranse previamente as papeleiras e colócanse colectores de 800 litros para favorecer o depósito responsable dos residuos.
A Policía Local mobilizará un dispositivo especial con patrullas durante toda a xornada e reforzo nocturno con catro unidades destinadas á contorna da Carballeira.
O alcalde, Miguel Fernández, destacou que o obxectivo é “deixar a zona en perfecto estado no menor tempo posible, reducindo ao máximo o impacto dunha festa multitudinaria sobre un espazo natural emblemático como é a Carballeira”.

O Goberno local, a través da área de Transición Ecolóxica, ten activado un dispositivo especial de limpeza con motivo da festa estudantil da Carballeira, que se celebra a noite do mércores 9 de abril. O operativo dará comezo ás 07:15 horas do xoves 10 e desenvolverase de maneira intensiva ata as 10:00 da mañá, cunha actuación continua en toda a contorna da Carballeira de Fingoi.
“O obxectivo é deixar a zona en perfecto estado no menor tempo posible, reducindo ao máximo o impacto dunha festa multitudinaria sobre un espazo natural emblemático como é a Carballeira”, asegurou o alcalde Miguel Fernández, quen tamén fixo un chamamento “ao civismo e á responsabilidade para que a celebración transcorra con respecto ao entorno e a todas as persoas que participan ou viven nas proximidades”.
Como parte do dispositivo, o Concello procedeu á retirada preventiva de todas as papeleiras da zona para evitar actos vandálicos e á colocación de colectores de 800 litros de capacidade, distribuídos pola Carballeira e o seu perímetro, para facilitar o depósito ordenado dos residuos xerados. A recollida será, como vén sendo habitual, selectiva: separarase vidro, envases lixeiros e fracción resto. Ademais, realizouse xa unha limpeza previa do campo con retirada de folla e acondicionamento da zona.
O operativo contará con máis dunha decena de vehículos e maquinaria especializada: dúas cisternas de baldeo mixto, unha hidro limpadora de alta presión, dúas varredoras (unha eléctrica e outra de GNC), dous camións satélite, tres triciclos eléctricos, dous vehículos Goupil e un furgón eléctrico con equipo de vapor para limpeza e desinfección. A nivel humano, o dispositivo inclúe máis de vinte profesionais, entre condutores, peóns e maquinistas, ademais de oito peóns de limpeza adicionais e tres capataces que supervisarán e coordinarán os traballos desde primeira hora.
“Lugo conta cun dos servizos de limpeza máis eficaces e comprometidos de Galicia, e este tipo de operativos demóstrano cada ano cunha resposta áxil, ordenada e respectuosa co medio”, afirmou Miguel Fernández, poñendo en valor o traballo do persoal municipal que participa nesta actuación.
En canto á seguridade, a Policía Local despregará un operativo especial durante toda a xornada. Durante a tarde haberá catro indicativos na cidade, dos cales dous estarán destinados especificamente á Carballeira, con catro axentes asignados. Xa durante a noite establecerase un reforzo con catro patrullas na contorna, co obxectivo de garantir a convivencia e intervir ante calquera incidencia. O Concello de Lugo lembra que este tipo de eventos require da colaboración de todas as partes para manter un ambiente festivo seguro.
Audio
- O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sobre a limpeza na festa da Carballeira | Descargar mp3


