O ciclo formativo achega a tradición dos oficios manuais ás parroquias, con gran acollida por parte das asociacións veciñais
Cristina López: “Queremos que as parroquias e barrios de Lugo conten con oportunidades reais para participar, aprender e manter vivas as tradicións”

O rural de Lugo continúa a recuperar saberes tradicionais grazas aos cursos de cestería organizados pola área de Participación do Concello de Lugo e a Vicepresidencia da Deputación. Esta semana, a parroquia de Santiago de Saa acolleu unha nova sesión formativa, na que as persoas participantes aprenderon as técnicas básicas dun oficio artesanal cun fondo arraigo na cultura galega.
A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, salientou “a gran acollida que están tendo estes cursos por parte das asociacións”, e subliñou que “seguimos achegando formación útil e conectada coa identidade do noso territorio, ao tempo que apoiamos o labor das asociacións veciñais como espazos vivos de dinamización local”.
O ciclo inclúe un total de 15 horas de formación básica repartidas en cinco sesións para cada grupo. Ata o de agora, xa participaron asociacións de Carballido, Orbazai, O Burgo e Galegos, e nos vindeiros días será a quenda de Bosende, Piúgos, San Lázaro e Recatelo.
Cristina López afirmou que “estes cursos forman parte dun modelo de apoio integral ao tecido asociativo, onde combinamos as achegas económicas co impulso de actividades culturais e formativas que responden ás demandas da veciñanza”.
A Tenencia de Alcaldía aposta por levar a formación ao territorio, descentralizando as iniciativas municipais e poñendo en valor os saberes populares. “Queremos que as parroquias e barrios de Lugo conten con oportunidades reais para participar, aprender e manter vivas as tradicións que forman parte do noso patrimonio inmaterial”, concluíu a edil.


