A saída dende Lugo da proba ciclista O Gran Camiño obrigará este xoves ao corte de tráfico da Rolda da Muralla e da rúa Santiago

Entre as 07:00 e as 12 horas do día 23 non se poderá circular entre as portas Bispo Odoario e Santiago.

As rúas do Carme e Santiago estarán, tamén, totalmente restrinxidas ao tránsito rodado, incluído o transporte urbano.

Luns, 20 de febreiro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo informa de que, durante a mañá do vindeiro xoves, 23 de febreiro, quedará restrinxida a circulación no tramo da Rolda da Muralla comprendido entre a porta Bispo Odoario e a porta de Santiago co obxectivo de facilitar o desenvolvemento da proba ciclista O Gran Camiño.

O inicio da carreira, que terá lugar ás 10:25 horas dende a praza de Pío XII, obrigará a cortar o tráfico dende as 07:00 até as 12:00 horas non só ao redor da Muralla, senón que tamén as rúas do Carme e Santiago permanecerán totalmente pechadas para o tránsito rodado, incluído o transporte urbano, xa que estas vías se reservan para o estacionamento dos camións e vehículos de apoio que precisa a competición deportiva.

Dende o Concello agradécese a colaboración e comprensión cidadá polas molestias que poida ocasionar a medida que tratará de limitarse ao espacio de tempo máis curto posible.

Noticias relacionadas