Rey Lear preséntase por primeira vez en Galicia, esta tarde no Auditorio Municipal Gustavo Freire

Será a partir das 20:30 horas, enmarcada na programación de Artes Escénicas do Concello

Luns, 27 de maio de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Rey Lear de Atalaya Teatro, o espectáculo con máis nominacións aos premios MAX deste ano e que recibiu 6 premios Lorca do Teatro Andaluz, preséntase esta tarde por primeira vez en Galicia, no Auditorio Municipal Gustavo Freire.

Será a partir das 20:30 horas, enmarcada na programación de Artes Escénicas do Concello. Tras a representación de hoxe, este espectáculo empezará o seu periplo polos festivais estivais de gran parte do país como o Festival de Teatro Clásico de Cáceres, Chinchilla, Alcalá de Henares, Olite ou Clunia, sen esquecer as actuacións no Teatro Juan de la Enzina de Salamanca ou Campoamor de Oviedo.

Rey Lear baséase nun conto popular que aparece incorporado á historia antiga de Inglaterra desde o século XII. Contan crónicas que o vello Lear quixo coñecer  o grao de afecto das súas tres fillas para designar sucesora a quen máis o quixera. Dúas desfixéronse en gabanzas e a menor contestoulle que o quería como pai e nada máis. Pareceulle pouco ao rei, que a castigou. O tempo e as peripecias virían demostrar máis tarde que era a única digna do trono que, por fin, tras unha guerra coas irmás, conseguiu. Shakespeare amplía e transforma a trama, infundíndolle unha visión persoal. Paralelamente á propia historia de Lear, plasma a de Gloucester e os seus fillos. O resultado supón unha experiencia extrema de dor, loucura e destrución expresada cruamente e sen reservas.

A programación de Artes Escénicas contempla outras dúas actuacións:

  • 30 de maio - Pentación - Cinco horas con Mario, de Miguel Delibes. Fala dos asuntos eternos do ser humano: da culpa, da soidade, da incomunicación, do sentido da vida. Como sempre en Delibes partindo dun localismo concreto encarna nas súas personaxes e nos seus conflitos as realidades más profundas e complexas que condicionan a vida.
  • 9 de xuño - A Trastenda dos Contos (Caxoto) - Unhas gafas coma as do avó. É un espectáculo inclusivo, en lingua oral e lingua de signos. Nel as dúas linguas mestúranse creando un espazo inclusivo para persoas xordas e oíntes; a palabra falada e a palabra signada míranse de igual a igual. Trátase dunha oportunidade que terán as persoas oíntes para coñecer a "cultura xorda" e así mesmo unha oportunidade para as persoas xordas de participar dun espectáculo feito á súa medida. Neste espectáculo, Laura é unha nena moi bulideira que todo o tempo anda á procura de aventuras que vivir. Un día sente curiosidade polas gafas do seu avó; cómo se verá a través delas? O que comeza sendo unha pequena trasnada acaba por converterse na maior de todas as aventuras.

As entradas poderán mercarse a través do portal web entradaslugo.es e na  Oficina Municipal de Turismo, na Praza do Campo, ata 3 horas antes do comezo de cada función; e no auditorio, o día da función, desde unha hora e media antes do comezo do espectáculo.

Noticias relacionadas