Preto de 130 alumnos e alumnas de diferentes colexios da cidade participarán no Festival de danza e música tradicional de Lugo

A cita celebrarase este xoves, na Praza Maior, con motivo do Día das Letras Galegas.

Esta programación súmase a actuación de nove agrupacións corais e de orfeóns que percorrerán o paseo literario dende ás 18:30 horas

Luns, 14 de maio de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, deu a coñecer, este luns, o Festival de danza e música tradicional das nenas e nenos de Lugo, unha programación de representacións musicais e de baile que se celebrarán, este xoves, con motivo da celebración do Día das Letras Galegas e que se suman as diferentes actividades culturais que terán lugar ao longo de toda a xornada en homenaxe a figura de María Victoria Moreno.

Neste festival de danza e música tradicional o protagonismo será para os rapaces e rapazas, xa que está prevista a participación de preto de 130 alumnos a alumnas de diferentes centros educativos da cidade, ademais do alumnado da Escola Municipal de Música de Lugo. As diferentes representacións terán lugar na Praza Maior e serán as seguintes:

  • Ás 12:15 horas: actuación musical a cargo da banda da Escola Municipal de Música de Lugo.
  • Ás 12:45 horas: actuación de baile tradicional galego e desfile a cargo dos nenos e nenas dos colexios participantes, acompañados polo grupo de pandereteiras da Escola Municipal de Música de Lugo.
  • Ás 13:00 horas: exhibición de baile tradicional galego a cargo dos rapaces e rapazas dos colexios participantes, acompañados pola actuación do grupo tradicional da Escola Municipal de Música de Lugo.

Os centros educativos que participan neste festival de danza e música tradicional son: Anexa, Menéndez Pelayo, Illa Verde, Luís Pimentel, Rosalía de Castro, Sagrado Corazón, Divina Pastora e a Asociación Aspnais.

Máis actividades

Ademais de representacións de música e baile tradicional, a programación inclúe a actuación de nove agrupacións corais e de orfeóns, que recorrerán dende ás 18:30 horas a rúa Bispo Aguirre e a Praza Maior, seguindo o paseo literario que existe nestes espazos. Os grupos participantes son: a Coral Asociación Amigos do Camiño de Santiago, Cantar Delas, Coral Ecos do Miño Astelu, Coral Polifónica Hospital Xeral, Conxunto Vogal Lugh, Grupo Vocal Solo voces, Orfeón Xoán montes e Coral Xolda. Terá unha duración de 90 minutos e no caso de choiva trasladarase a actuación ao Vello Cárcere. Contará co xornalista Paco Nieto como presentador do concerto e seis comisionados para a organización.

Así mesmo, este mércores, na Biblioteca Municipal, haberá un contacontos dirixido aos máis cativos e cativas da casa a partir das 18:30 horas.

Noticias relacionadas