Ponte e Nadal en Lugo: máis de 60 alternativas para toda a familia

Carmen Basadre presentou a ampla variedade de actividades organizadas polo Concello. Entre elas, andainas, exposicións, obradoiros, teatro, maxia e actuacións musicais

Venres, 01 de decembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Ponte e Nadal en Lugo: máis de 60 alternativas para toda a familia

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou este venres, na Sala de usos múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, a ampla variade de actividades lúdico culturais, para toda a familia, organizadas polo Concello para a Ponte de Decembro e o Nadal. Trátase de máis de máis de 60 actividades que terán lugar en distintos espazos por distintas zonas de cidade, para chegar a toda a cidadanía.

A programación da ponte e do Nadal diversifícase en distintas actividades. Por un lado, están os paseos artísticos polo  Camiño Primitivo, para explorar as experiencias sensoriais de cadaquén a través da toma de fotografías dos espazos desexados durante o percorrido. Terán lugar os días 6, 7, 8 e 9 de decembro, así como o 26 e 27 de decembro, e o 2 e 3 de xaneiro. O Concello tamén ten preparado o paseo de San Silvestre, polo Camiño Primitivo, dende O Carqueixo ata a Praza Maior. A saída será ás 16:00 horas, poñéndose un autobús de balde dende as 15:45 horas. Ao seu remate haberá uvas e brinde de Fin de Ano.

O número de persoas participantes é de 15. As e os interesados teñen que inscribirse na Oficina Municipal de Turismo, na Praza do Campo, ou no teléfono 982-251-658. Para o paseo de San Silvestre, a data límite de inscrición é o día 31.

Dentro das andainas, haberá un distintos paseos con temáticas dende a arquitectura, patrimonio, antropoloxía e etnografía , natureza  e xeogastronomía. Terán lugar os días 3, 6, 8, 10 e 17 de decembro. O punto de saída será a rúa Anxo López Pérez, ás 10:30 horas. Tamén é necesaria inscrición, que debe facerse na Oficina Municipal de Turismo.

Por outra banda, están as exposicións, a da Asociación de Pintores coa Boca e o Pé, a de fotografía Galegos en Mauhausen e a de fotografía da Asociación de Síndrome de WolfHirschhorn, todas elas no Vello Cárcere, ata o 10 e o 29 de decembro, e o 15 de xaneiro, respectivamente. O MIHL acollerá a mostra Os mundos de Carlos Casares, ata o 29 de decembro.

Brinquedos de Nadal

Para pasar o Nadal en familia, o Concello programa a programación Brinquedos de Nadal, de actividades de xogo libre e espectáculos de teatro, música e monicreques, dirixida aos máis pequenos da Casa. A Caixa Negra do MIHL é o escenario escollido para que as nenas e nenos menores de 6 anos compartan as tardes coas nais, pais, avoas e avós. Son actividades de balde. A entrada é libre ata completar aforo. Para estes brinquedos, hai actividades os días 22, 26, 27, 28 e 29 de decembro, así como o 2, 3 e 4 de xaneiro.

Obradoiros

Na proposta do Concello, non pode faltar a tradicional oferta de obradoiros creativos para os nenos de 6 a 12 anos. Este ano celebraranse no Vello Cárcere, e neles terán a posibilidade de aprender cociña creativa, ciencia divertida, repostería de Nadal, decoración de caixas xigantes, fabricación de instrumentos con materiais de refugallo, de adornos de Nadal, ou de panxoliñas. Os cativos e cativas que asistan a este último taller ofrecerán un concerto diante da Casa do Concello o día 5 de xaneiro, antes da chegada dos Reis Magos.

Outras propostas de lecer

Carmen Basadre tamén avanzou outras propostas para estas datas, como a función teatral A cabeza do dragón, coincidindo co 150 aniversario do Nacemento de Valle Inclán, no Auditorio Municipal Gustavo Freire, o 9 de decembro, a partir das 20:30 horas, a lectura pública dos Dereitos Humanos, o 10 de decembro, en xornada de mañá e tarde no Vello Cárcere, instalacións que acollerán o día 12  a lectura de poemas de Fiz Vergara e unha exposición de fotografía.

Tamén haberá un ciclo de charlas científicas, con Ángel Carracedo, unha conferencia do historia Enrique Barrera sobre o Holocausto, a representación da obra Pensión 13, un concerto de Adrián Vigo e a súa banda, que presentarán o álbum Reflejo del alma, e distintas sesións do Baúl do Mago, en Campo Castelo, e o espectáculo Martín Martín.

A programación tamén inclúe a conmemoración do ano de Marjua Mallo nas artes coa representación da obra Mensaxe do Mar, a cargo de Fantoches Baj. Na presentación desta mañá estivo Ignacio Vilar, director desta función, quen convidou aos lugueses a presenciar esta representación.

Poesía de Nadal, a música de Lucus Ensemble, Kino Concertos, e distintas sesións de discotecas a cargo de Peti´s Rock forman parte desta programación, na que tamén se presentación o libro A didáctica da lingua e da literaturas galegas, unha gran actuación verbeneira da orquestra Os modernos e da Banda Filharmónica.

Máis información na web municipal, www.lugo.gal ou no Teléfono de Atención Cidadá 010. 

Documento

Multimedia

  • Ponte e Nadal en Lugo: máis de 60 alternativas para toda a familia

Noticias relacionadas