Os lucenses poderán contemplar o puzzle xigante a partir deste martes no Centro Social de Fingoi

Martes, 13 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O puzzle xigante, que estivo a ser construído por voluntarios, estará exposto no Centro Social de Fingoi a partir deste martes onde será inaugurado ás 18:00 horas. A última peza do puzzle xigante foi colocada o pasado 6 de marzo e despois das tarefas de enmarcado pódese contemplar en todas as súas proporcións, que superan o 1´56 metros de alto por 3’21 metros de ancho.

Na construción deste grandioso quebracabezas participaron decenas de voluntarios que, con paciencia, foron desenvolvendo un traballo que lles levou preto dun ano culminar. Os participantes nesta actividade promovida pola Concellería de Muller e Benestar Social organizaron a colocación das 18.000 pezas en varias fases, que se iniciaron coa selección das pezas e a súa agrupación por cores e texturas en 60 caixas antes de proceder a súa montaxe.

A colocación das pezas realizouse por cuadrantes debido á enormidade do proxecto. O debuxo dividiuse en tres partes: dúas laterais de 4.500 pezas e unha central de 9.000. Este quebracabezas reproduce un enorme retablo do pintor alemán Rogier van der Weyden e está considerado o máis grande dos puzzles que están á venda, tal e como indicou a empresa especializada Educa.

Ademais das decenas de lucenses que colaboraron na construción do puzzle tamén traballaron neste proxecto diversas asociacións de persoas con discapacidade, como Aspnais e o Colexio de San Vicente de Paúl, entre outras.

Nos meses de xullo e agosto o puzzle xigante convertiuse nun atractivo turístico para os visitantes da cidade e foron moitos os que se achegaron ao Centro Social de Fingoi para participar.

Noticias relacionadas