Orbazai aposta, un ano máis, pola tradicional celebración da 8ª edición da Foliada

Carmen Basadre, Miguel Fernández e Germán Fernández, presentaron esta cita cultural na que haberá actuacións musicais, xantar popular e unha exposición de artesanía, entre outras actividades

A edil sinalou a importancia de manter este tipo de eventos tradicionais, xa consolidados na axenda lucense, e que “cada ano dinamiza o eido rural”

Xoves, 24 de maio de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Orbazai aposta, un ano máis, pola tradicional celebración da 8ª edición da Foliada

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, o Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández e o Presidente da Asociación Cultural de Orbazai, Germán Fernández presentaron, na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, a oitava edición da Foliada de Orbazai, unha iniciativa cultural, coa que colabora Concello e Deputación de Lugo e que terá lugar o vindeiro sábado, 2 de xuño.

Durante o acto de presentación, Carmen Basadre destacou que “é un pracer, presentar unha nova edición desta marabillosa foliada, que nos permite conservar as nosas tradicións, manter este tipo de eventos, xa consolidados na axenda lucense, e que constrúen cidade, parroquia e país”. Nesta liña, a edil, recoñeceu o compromiso e traballo da veciñanza de Orbazai, que fai posible que “cada ano teña lugar esta cita que dinamiza o eido rural”.

Pola súa banda, Germán Fernández, agradeceu o apoio das institucións colaboradoras e animou a todos e todas os lucenses a achegarse á parroquia de Orbazai o vindeiro sábado no que “ademais das actividades que inclúe o programa haberá un curso de gaita e outro de pandeireta”, sinalou.

Programación

As programación arrincará ás 11:30 horas cunha misa solemne. Ás 12:30 horas abriranse os postos de artesanía, con animación musical a cargo do grupo Agarimo de Palas de Rei. Ás 14:00 horas celebrarase un xantar popular de polbo, churrasco, xamón cocido, empanadas e pan de Ousá. Xa pola tarde, haberá ás 18:00 horas actuacións musicais de: Airiños de Orbazai, Falcatrueiros e A Chocolateira.

Esta xornada cultural rematará ás 20:30 horas cunha entrega de recordos aos grupos musicais participantes e unha degustación de pinchos acompañada dunha foliada popular.

Audio

Multimedia

  • Orbazai aposta, un ano máis, pola tradicional celebración da 8ª edición da Foliada

Noticias relacionadas