O Vello Cárcere celebra o seu primeiro aniversario como centro cultural con diversas proxeccións e un encontro con Silva e Cobreros

Carmen Basadre presentou a programación, que terá lugar este domingo, a partir das 12:00 horas, e o martes 15, dende as 20:30 horas, no patio central deste espazo

A Fundación TIC, dependente da Deputación, foi a encargada de gravar os 5 vídeos que se exporán nesta celebración

Na dinámica da distinta programación que acolle este centro cultural, o Concello ten programado para as vindeiras catro fin de semanas un ciclo de cine arqueolóxico

Xoves, 10 de maio de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Vello Cárcere celebra o seu primeiro aniversario como centro cultural con diversas proxeccións e un encontro con Silva e Cobreros

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basasdre, presentou este xoves, no patio central do Vello Cárcere, a programación para conmemorar o primeiro aniversario deste espazo histórico reconvertido a centro sociocultural.

Este domingo, 13 de maio, ás 12:00 horas, proxectarase o vídeo Exposición dende o panóptico, cada cela unha fiestra, unha reportaxe feita pola Fundación TIC, dependente da Deputación de Lugo, "un pequeno homenaxe aos e ás 13 artistas da triple exposición interdisciplinar que acolleu o Vello Cárcere", e que reuniu, por primeira vez, unha serie de traballos de diferentes figuras da arte galega e peninsular, que dialogaron co espazo carcerario e coa súa memoria a través de obras escollidas ou elaborada de maneira específica para este lugar.

Posteriormente, ás 13:00 horas, proxectarase un conxunto de 4 vídeos, cos que baixo o nome de Vivencias, se volverá á memoria do Vello Cárcere con historias dos familiares de presos que estiveron neste centro. Nel participan José Luis Mundiña Pozas, Manuel Cuesta Vázquez, Rafael Pérez de Vega e Claudio Rodríguez Fer. A Fundación TIC tamén elaborou estes vídeos.

Os actos de aniversario continuarán o martes, 15 de maio, a partir das 20:30 horas cun encontro co escritor Lorenzo Silva e o neto do arquitecto que deseñou o Vello Cárcere, José Antonio Cobreros Aranguren. Intervirán sobre o libro de Silva, Recordarán tu nombre, que fai memoria ao ferrolá José Aranguren, fusilado por manterse fiel á República durante a Guerra Civil.

Ciclo de cine arqueolóxico

Na dinámica da distinta programación que acolle este centro cultural, o Concello ten programado para as vindeiras catro fin de semanas un ciclo de cine arqueolóxico, dentro da programación do Arde Lvcvs Cvltvral. Este ciclo arrincará este mesmo domingo, ás 19:00 horas, co filme A arte breve: o cirurxián de Ariminun. Do ano 2017, de produción italiana, e cunha duración de 35 minutos, esta película recorda como no ano 1989 se sacaron á luz as habitacións dunha domus romana, onde se atoparon 150 instrumentos cirúrxicos, o descubrimento de equipamento médico romano máis importante ata a data. Empregando isto, a película intenta redebuxar a figura dun ciruxano da antigüidade e as distintas facetas do seu traballo.

O ciclo continúa o domingo 20, tamén ás 19:00 horas, co documental A Pompeia Británica da Idade do Bronce, do ano 2016 e cunha duración de 69 minutos. O filme recolle os aspectos máis relevantes do xacemento de Inglaterra, un poboado de cabañas de madeira a carón dunha marisma.

A terceira proxección será o sábado 26, ás 20:30 horas. Será unha curtometraxe de ficción que narra as vivencias dun poblado cántabro da época da Idade de Ferro, A visita de Plentio. Posteriormente exporase o videoclip El llanto del Lábaro, de Dianaimar Producciones, que explica a histoira de Cantabria e as guerras cántabras, coa colaboración de Clan de Breogán e Cohors III Lucensium.

Pecha o ciclo, o día 3 de xuño, ás 19:00 horas A tumba de Gengis Kan, o segredo desvelado. Esta película francesa constrúe unha histoira a medio camiño entre o documental e a aventura sobre unh das máis apaixoantes incógnitas da historia de Asia.

Tal e como explicou o arqueólogo municipal, Enrique González, quen tamén estivo presente no acto, trátase da cuarta edición desta programación, que partiu dunha colaboración que se fai co Festival Internacional de Cine Arqueolóxico de Bidasoa. Así mesmo, insistiu nesta iniciativa positiva, "que é unha das mellores maneiras de divulgar a arqueoloxía, pois a través do medio audiovisual achégase á sociedade o resultado de distintas intervencións arqueolóxicas que se fan en todo o mundo".

Todas as proxeccións, con presencia da cultura romana e celta, serán no  Salón de Actos do Vello Cárcere. A entrada é libre ata completar cabida.

Audio

  • A concelleira Carmen Basadre sobre o aniversario do Vello Cárcere | Descargar mp3

Noticias relacionadas