O sistema de saneamento de Lugo serve de referencia para un estudo que encargou o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente

Xoves, 13 de febreiro de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Os redactores do estudo visitan hoxe os tanques de tormenta do Sagrado Corazón e de Casás, así como as instalacións da EDAR

O Concello de Lugo está a colaborar nun estudo que encargou o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente sobre os tanques de tormenta que ten a finalidade de examinar o comportamento hidráulico e de xestión da contaminación en tempo de chuvia que realizan os depósitos de Casás e do Sagrado Corazón.

A Subdirección Xeral de Infraestruturas e Tecnoloxía, dependente da Dirección Xeral da Auga do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, encargou un estudo no que se está facendo unha avaliación e seguemento dos tanques de tormenta e que se  completará coa redacción dun manual de recomendacións para o deseño destas infraestruturas.

Para a realización deste estudo foron seleccionados cinco tanques de tormenta situados en diferentes puntos de toda España. Dous deles están situados no sistema de saneamento de Lugo, concretamente en Casás e no Sagrado Corazón.

Dentro dos traballos para a realización deste estudo, atópanse hoxe en Lugo os redactores da investigación para visitar os tanques de tormenta que foron seleccionados na nosa cidade.

A visita, que ten por obxecto comprobar a diferente configuración de ambos os dous tanques e observar a importancia do sistema de saneamento de Lugo, forma parte dunha xuntanza de dous días que manteñen os participantes no proxecto que lideran a Universidade da Coruña e Aqualogy, e no que colabora o Concello de Lugo.

Ademais de inspeccionar estas instalacións, a delegación de técnicos tamén se desprazará á EDAR, onde manterán unha xuntanza de traballo e aproveitarán para visitar esta infraestrutura punteira do sistema de saneamento de Lugo.

Este sistema experimentou unha importante transformación nos últimos anos, ata chegar a convertirse nunha referencia en España como sistema unitario configurado para traballar en tempo de chuvia minimizando os impactos sobre o medio natural.

A localización xeográfica, o tipo de réxime de chuvias, que é representativo do noroeste de España, o coñecemento do sistema e a existencia de ferramentas de simulación numérica tanto do alcantarillado como do medio receptor levaron á comisión técnica do estudo a considerar que era de grande interese a selección de dous depósitos en Lugo, con diferentes configuracións, para a realización deste traballo, que tamén estudará outros tanques de tormenta situados nas cidades de Madrid, Barcelona e Alacante.

Co estudo que o Ministerio encargou á empresa Agualogy-Aquambiente Servicios Integrales, que conta coa colaboración de CLABSA e o Grupo de Enxeñería da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA) da Universidade da Coruña, preténdese aumentar o coñecemento sobre o deseño, configuración, explotación e rendementos anticontaminación dos tanques de tormenta, co fin de elaborar un manual de deseño e unhas directrices para o establecemento de obxectivos de verquido destas infraestruturas.

Noticias relacionadas