O Servizo Municipal de Prevención de Drogodependencias proxecta Lola vende cá

Martes, 13 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Servizo Municipal de Prevención de Drogodependencias continúa mañá, venres, cunha nova proxección do ciclo Alucine, subvencionado polo Plan Nacional de Drogas. A película elexida é “Lola vende cá”.

Este ciclo contempla 12 proxeccións de películas de varias nacionalidades e todas elas cun recoñecido prestixio, ao estar incluídas dentro do Plan Nacional contra as drogas.

Todas elas proxéctanse no salón de actos do Centro Social Uxío Novoneyra, entre as sete e media e as nove e media da tarde.

A película é unha historia de xitanos do 2000, unha historia de amor na comunidade xitana de Barcelona, onde os protagonistas amosan en primeira persoa os seus ritos e costumes.

Lola é unha moza xitana de orixe incerto que foi adoptada, recén nacida, por unha familia entre a que medrou cos costumes e tradicións xitanos. Cando remata o bacharelato plantéxase, en contra da súa familia e do seu contorno social, continuar os seus estudos e facer a carreira de Maxisterio. Nese intre da súa vida adolescente aparece o amor ao coñecer a Juan, un xitano da súa idade.

Con este filme traballaranse fundamentalmente os valores tradicionais. A importancia da familia, o amor, a amizade, a defensa das propias convicións, a comunicación, o respecto polas diferencias, a interculturalidade, os estudos, a loita por continuar facéndoos e respeto os maiores son os máis destacados, aínda que destacan os contravalores como a discriminación entre sexos, o machismo, o racismo; a difamación, os prexuízos e as diferencias sociais.

Noticias relacionadas