O servizo de Parques e Xardíns mantén periodicamente máis de 1,4 millóns de metros cadrados de zonas verdes na cidade

Cada semana actúase en arredor de 60 espazos, ao tempo que se realiza o mantemento de 34,5 quilómetros de rutas de sendeirismo.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, supervisou hoxe os traballos realizados nas inmediacións de As Termas e na Avenida de Breogán.

“Trátase dun servizo clave para manter en óptimo estado os espazos verdes da cidade, cun ornato público que mellora a calidade de vida e contribúe tanto á atracción de visitantes como á protección ambiental”, destacou Fernández.

Venres, 28 de marzo de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O servizo de Parques e Xardíns mantén periodicamente máis de 1,4 millóns de metros cadrados de zonas verdes na cidade

O servizo municipal de Parques e Xardíns mantén periodicamente máis de 1.400.000 metros cadrados de zonas verdes, parques e xardíns espallados por toda a cidade, aos que se suman 34,5 quilómetros de rutas de sendeirismo que tamén forman parte do ámbito de actuación municipal. Cada semana, os equipos de mantemento interveñen en preto de 60 espazos diferentes con labores de conservación, saneamento vexetal, poda, corte e perfilado de céspede, limpeza de zonas axardinadas, revisión do sistema de rego e coidado de elementos ornamentais.

“Trátase dun servizo clave para manter en óptimo estado os espazos verdes da cidade, cun ornato público que mellora a calidade de vida e contribúe tanto á atracción de visitantes como á protección ambiental”, destacou o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, que esta mañá visitou varios puntos para supervisar os traballos desenvolvidos.

En concreto, Fernández achegouse ao skate park das Termas e á contorna da Avenida de Breogán, dentro da rolda de visitas que realiza semanalmente para coñecer de primeira man o avance dos labores e o estado xeral das zonas verdes da cidade. Durante esta semana, realizáronse intervencións en espazos representativos como a Praza Maior, Bispo Aguirre, o miradoiro da Volta da Viña ou o barrio da Ponte. Tamén se actuou nos catro canís da cidade (Muralla, Aceña de Olga, Serra de Ancares e Frigsa), así como nos barrios de Abella, A Piringalla, Garabolos ou Sagrado Corazón, entre outros

O rexedor sinalou que “estamos a falar dun esforzo constante que chega a todos os barrios e que require unha planificación continua e unha atención rigorosa”. Nesta liña, adiantou que o servizo municipal ampliará en breve o seu ámbito de intervención con 35.000 metros cadrados adicionais correspondentes a novas zonas verdes recentemente creadas na cidade, como as de Gallego Tato, a Praza de Alacante, o Parque da Lembranza ou a ampliación da zona axardinada de A Mosqueira, entre outras.

“Este compromiso co coidado dos espazos verdes urbanos é unha peza clave na construción dunha cidade máis sostible, máis habitable e máis acolledora para quen vive nela e para quen nos visita”, concluíu o alcalde.

Audio

  • O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sobre o servizo municipal de Parques e Xardíns | Descargar mp3

Multimedia

  • O servizo de Parques e Xardíns mantén periodicamente máis de 1,4 millóns de metros cadrados de zonas verdes na cidade
  • O servizo de Parques e Xardíns mantén periodicamente máis de 1,4 millóns de metros cadrados de zonas verdes na cidade

Noticias relacionadas