Tras 30 días, Urbanismo deberá informar ás alegacións, para aprobarse definitivamente en dous ou tres meses, polo que a nova normativa entraría en vigor antes de finais de ano.
Con esta ordenanza, o Goberno de Miguel Fernández actuará con máis medidas en inmobles abandonados, favorecendo a intervención ante posibles incumprimentos.
De forma paralela, segue aberto ata o 28 de setembro o prazo de solicitude de subvencións para a recuperación de inmobles na contorna do centro histórico.

O Boletín Oficial da Provincia de Lugo publica hoxe a aprobación inicial da Ordenanza Municipal de Conservación e Rehabilitación de Inmobles, co que se abre o prazo de información pública para a presentación de alegacións durante un período de trinta días hábiles. Unha vez rematado este prazo, a área de Urbanismo do Concello de Lugo deberá informar as alegacións presentadas para poder proceder á aprobación definitiva, nun prazo duns dous ou tres meses, polo que se agarda que dita ordenanza poida estar en vigor antes de finais do ano. Con dita aprobación, O Concello de Lugo terá unha ferramenta máis para intervir e favorecer a recuperación de inmobles, de xeito especial no centro de Lugo, e a posibilidade de actuar nos casos de edificios ou casas abandonadas ou en estado de ruína.
A nova ordenanza aprobouse inicialmente polo pleno o pasado 31 de xullo e supón unha revisión integral que unifica dúas normativas desactualizadas, de 2009 e 2013, adaptando o marco legal ás leis urbanísticas estatal e galega vixentes. Por iso, a nova norma non só gañará en eficacia á hora de actuar en inmobles con risco de ruína ou abandono, senón tamén en seguridade xurídica. Esto permitirá, ademais, desbloquear actuacións en materia urbanística e mellorar a capacidade de intervención ante situacións de deterioro de edificios.
Unha vez publicada no BOP e na web do Concello de Lugo, ábrese un período de trinta días hábiles para a presentación de reclamacións e suxestións, co obxectivo de que calquera persoa interesada poida examinar o texto da nova ordenanza e presentar as alegacións que considere oportunas.
En definitiva, a aprobación inicial desta ordenanza é clave para gañar seguridade xurídica e protexer o patrimonio da cidade. Ademais, desbloqueará actuacións de urbanismo que se atopan lastradas por limitacións legais e procedementais. Así, a nova normativa establece medidas polo incumprimento dos deberes dos propietarios, como multas, execución subsidiaria das obras, e incluso a expropiación ou a venda forzosa, entre outras accións coercitivas.
Subvencións para rehabilitación no centro histórico
Esta non é a única medida estratéxica que porá en marcha o Goberno Local. Recentemente, o Concello de Lugo abriu un novo prazo de dous meses para a presentación de solicitudes de subvencións para actuacións de rehabilitacións integrais, no ámbito do centro histórico, que rematará o vindeiro 28 de setembro.
Esta liña de axudas contempla actuacións de rehabilitación a nivel de barrio na área de rehabilitación integral ou contorna residencial de rehabilitación programada ARI-ERRP do centro histórico de Lugo. Trátase dunha convocatoria dirixida á mellora da eficiencia enerxética, na que se priman este tipo de actuacións para toda a comunidade de veciños, no que se busca a mellora da eficiencia enerxética do edificio na súa totalidade, atendendo, por exemplo, á mellora da envolvente térmica do inmoble para lograr un menor consumo.
Para esta ampliación de prazo hai un importe de 424.186 euros, que se distribúe en 334.700 para axudas bases; 65.411 euros para retirada de amianto e de 24.075 para familias en situación de vulnerabilidade.
As e os interesados deberán comprobar que o seu edificio ou vivenda conta co correspondente certificado de eficiencia enerxética en vigor e rexistrado no INEGA como paso previo á solicitude de ditas subvencións en concorrencia competitiva. As consultas e dúbidas ao respecto desta liña de axudas poden resolverse no Servizo Municipal de Evislusa, no edificio do Impulso Verde.


