O Pazo de San Marcos acolleu o acto de descubrimento da placa conmemorativa da Promoción de Bachareis de 1947

Mércores, 25 de xuño de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Urbanismo, Francisco Fernández Liñares, participou nos actos organizados con motivo do descubrimento no Pazo de San Marcos dunha placa que conmemora a Promoción de Bachareis de 1947 que cursaron os seus estudos no Instituto de Ensino Medio de Lugo, ubicado na á norte do edificio entre os anos 1872 e 1950, e que presidiu o Presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro.

26 membros desta promoción, xunto a outros antigos alumnos do centro participaron neste emotivo acto. Gómez Besteiro lembrou que "aquí viviron anos moi importanes da súa vida: os da adolescencia". Ademais, destacou "o brilante pasado educativo deste edificio que antes, agora e despois é a Casa de todos vostedes".

No acto, ó que tamén asistiron o Vicepresidente Primeiro, Antón  Bao e o Subdelegado do Goberno, Jesús Otero interviron dous dos máis destacados membros da promoción: o xornalista e escritor, José María Carrascal, e o ex Alcalde de Lugo, José Novo Freire. Ambos fixeron un repaso nostálxico polo seu paso polo instituto entre os anos 1940 e 1947.

Carrascal lembrou que neste insituto estudaron rapaces de toda a provincia que "vinieron a prepararse para la vida". Tamén dixo que aprenderon "que existe una moral: si queres algo, te cuesta algo; nada es gratis. Con este bagaje nos lanzaron al mundo y no nos ha ido nada mal".

Pola súa banda, Novo Freire evocou a moitos dos profesores, así como os estudos e os xogos dos rapaces desa promoción, nunha época que "é motivo de reflexión porque fomos nenos que sofrimos as consecuencias da guerra civil". O ex Alcalde concluíu cunha cita de Cicerón: "É doce o recordo das fatigas pasadas".

Outro dos membros da Promoción, o ex Presidente da Audiencia Provincial de Pontevedra, Rafael Martínez Sánchez, recitou un poema alusivo ó insituto. A continuación, Francisco Miranda Martínez e Eladio López Lence procederon a descubrir a placa conmemorativa na que pode lerse: "O Instituto de Ensinanza Media de Lugo (hoxe I.E.S. Lucus Augusti) ocupou este edificio entre os anos 1872 e 1950. A Promoción de 1947 e demais antigos alumnos lembran con afecto ó centro no que cursaron o bacharelato".

Noticias relacionadas