O paseo interior da muralla primará no proceso de revisión do PEPRI

Luns, 12 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O lun comezará o proceso de revisión do Plan Especial de Protección, Rehabilitación e Reforma Interior do centro histórico de Lugo (PEPRI). Así o anunciou o Concelleiro de Urbanismo, José Ramón Gómez Besteiro, que suliñou que "é o momento porque existe consenso de todos os grupos".

O proceso orixínase pola iniciativa do equipo de goberno de facer unha revisión, "aínda que houbo que esperar ao consenso dos grupos, porque non se poden realizar este tipo de actuacións sen contar co apoio de todos".

Así o luns abrirase o proceso polo que se realizará a contratación da empresa que levará a cabo esta revisión. Este proceso conta cun orzamento de 180.000 euros.

José Ramón Gómez Besteiro explicou que este documento tivo un grado de execución notable dende a súa aprobación, no ano 1998, pero que chega o momento de solventar os erros e de ampliar outras cuestións.

Indicou que haberá dous puntos que centrarán este proceso, por unha parte analizaranse de forma máis precisa os elementos catalogados e aumentaranse os niveis de protección.

A incorporación do paseo interior será unhas das prioridades desta reforma. "Xa non é tempo de falar de ronda, hai que recoñecer en propiedade que se trata dun paseo, un paseo que non necesita a esixencia de ter completo e que ten un aspecto complemente diferente a ronda que vai polo exterior.

Esta incorporación ao PEPRI permitirá tamén poñer en valor este paseo e todo o conxunto arquitectónico que o rodea e incitará tamén o impulso das unidades de actuación.

O proceso seguirá varias fases. En primeiro lugar comeza a fase de información urbanística e de diagnóstico. Seguirá a de aprobación inicial e a de alegacións. Tras unha fase de aprobación definitiva presentarase o documento final para comezar a súa aplicación.

O Concelleiro adiantou que se poderá contar con el nun prazo de dous anos e perseguerá a finalidade de promover a volta da vida residencial ao centro e os procesos de rehabilitación.

Noticias relacionadas