A iniciativa impulsada pola Alcaldía lucense inclúe a celebración dun novo almorzo de negocios e dunha charla de alto impacto a cargo de Javi Moral, deseñador e director creativo especializado en emprendemento e coworking.
As actividades, para as que resulta preciso inscribirse, terán lugar o vindeiro xoves, 13 de outubro, Día do Fracaso, no CEI Nodus.
- Tema

Cómo xestionar o fracaso empresarial. As claves daraas o deseñador e director creativo especializado en emprendemento, coworking e creación e construción de comunidades, Javi Moral, o próximo xoves – Día do Fracaso – no CEI Nodus.
O impulsor de ‘El Éxito del Fracaso’ será o relator da seguinte charla de alto impacto que a Alcaldía de Lugo ofrecerá dentro do movemento Localmente Lucense, posto en marcha por Lara Méndez.
“O obxectivo é inspirar a persoas emprendoras e conmemorar esta xornada lembrando que se pode aprender máis dos fracasos que dos éxitos”, sinalou a rexedora ao tempo que explicou que o evento “pretende ser un intercambio de experiencias, problemas e solucións abordando esta cuestión dun xeito distendido e sincero”.
O encontro, que está dirixido a persoas emprendedoras, ou que estean a piques de selo, e a aquelas outras que busquen aumentar os seus coñecementos cara unha oportunidade laboral, terá lugar o 13 de outubro, de 20:30 a 22:30 horas, nas instalacións do CEI Nodus onde, previamente, esa mesma mañá (de 08:30 a 09:30 horas na Sala Multiusos do Espazo Lab) se celebrará, tamén, o sétimo almorzo de negocios iniciados ao abeiro desta Estratexia global de dinamización, reconstrución e reactivación da economía lucense, deseñada por Lara Méndez para paliar as consecuencias da crise sanitaria.
Para participar nestas accións é necesario inscribirse a través das web: www.localmentelucense.gal/charlas-de-impacto e www.localmentelucense.gal/almorzo-de-negocios, estando o aforo, neste último caso, limitado a 50 prazas.