Xuventude abre a cita previa para asistir os luns e xoves de marzo a xuño, de 18.00 a 20.00 horas, a sesións confidencias para abordar este tipo de comportamentos.
Entre outros trastornos se informa de hábitos nocivos derivados do mal uso das redes sociais, do xogo, das compras, das bolsas de valores ou dos videoxogos.
Un psicólogo especializado atenderá aos mozos e mozas de 16 a 35 anos, para axudarlles a enfrontar estas condutas aditivas, poñendo o acento na prevención e na educación”.

Co obxectivo de traballar na prevención e na educación, ademais no diagnóstico de tratamento das adiccións sen substancia, a área de Xuventude do Goberno Local, pon en marcha o servizo de asesoramento gratuíto con psicólogo especializado destinado a mozos e mozas de entre 16 e 35 anos. Así o anunciou o concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, quen sinala que “as adiccións sen substancia están aumentando moito entre a xente nova, polo que desde o Goberno local quixemos poñer en marcha este tipo de sesións confidenciais, que terán lugar de marzo a xuño, na Casa da Xuventude, e que están incluídas no programa +Xti”. Segundo explica o edil de Xuventude “ademais de axudar ás persoas con este tipo de trastornos, queremos poñer o acento na prevención destas condutas, para evitar trastornos críticos e que o que son malos hábitos rematen nunha auténtica adicción”.
A inscrición para recibir este tipo de atención xa está aberta, polo que poderase solicitar cita previa para asistir a estas sesións gratuítas, que terán lugar os luns e xoves, de 18.00 a 20.00 horas, na Casa da Xuventude, durante os próximos catro meses. Entre outros comportamentos nocivos se informará das causas, efectos e tratamento de adiccións sen substancia, que poden derivar nas adiccións ao xogo, ás redes sociais, ás compras, aos videoxogos ou aos ximnasios, dando lugar á denominada vigorexia. Tamén se abordarán as formas de detectalas, as consecuencias que producen nas persoas, os tratamentos e as vías para detelas.
Iván Pico é o psicólogo, especializado neste tipo de comportamentos, encargado de atender ás sesións confidencias na Casa da Xuventude, e sinala ao respecto que “este tipo de adiccións sen substancia teñen en común que son actividades e comportamentos cotiás, que chegamos a converter en adicción e que, ao longo prazo, impiden levar unha vida plena e normal, porque trátase de comportamentos que, en moitos casos, veñen inducidos pola propia sociedade“. Pico coincide ao destacar o incremento que se está a detectar neste tipo de adiccións comportamentais. De feito, os últimos informes e estudios da Organización Mundial da Saúde indican que unha de cada catro persoas sufre este tipo de trastornos da conduta, relacionados coas adiccións sen substancia.
Prevención e educación
Nesta actividade, incluída no programa +Xti desenvolvido pola área de Xuventude do Concello de Lugo coa colaboración do Ministerio de Sanidad, a través do Plan Nacional sobre Drogas, se prestará especial atención á prevención deste tipo de trastornos a través da educación e da formación. Neste sentido, o psicólogo social Iván Pico explica que “unha porcentaxe moi alta da poboación abusa, por exemplo, das redes sociais; e ese comportamento abusivo tan estendido pode dar pé a que a xente caia nunha auténtica adicción. Temos que educar para facer ver eses comportamentos anómalos, que son propensos a caer na adicción e que moitas veces funcionan como vía de evasión a problemas de base”, pero que rematan en ludopatía, compras compulsivas, vigorexía ou ciberadicción, entre outro tipo de trastornos.
Por iso, desde a área de Xuventude se traballará moito na prevención deste tipo de comportamentos, a través da “reflexión, da educación e co desenvolvemento do pensamento crítico, como ferramentas útiles para afrontar estes trastornos de conduta que axudarán a tomar mellores decisións”, sinala Iván Pico.
Últimos informes sobre adiccións comportamentais
Cada ano, o Ministerio de Sanidad elabora, a través do Plan Nacional Sobre Drogas, enquisas e informes. Por unha banda o EDADES, enquisas sobre alcol e outras drogas, e por outra, o ESTUDES, enquisas sobre o uso de drogas en Ensinanzas Secundarias en España. Neste sentido, e tomando os datos que se publican en ambos estudios de 2024, fálase das distintas adiccións comportamentais, e de entre todas elas a que máis admisións de tratamento xera é o trastorno por xogo (82%), seguida a moita distancia dos trastornos por uso compulsivo de internet, móbiles ou dispositivos electrónicos (9,3%). Sen embargo, este tipo de adiccións sen substancias non precisan en ocasións de tratamentos ao uso, aínda que o comportamento nocivo e perigoso é habitual. Este é o caso doutras adiccións relacionadas, por exemplo, con compras (16,4%) así como as do uso de internet, móbil, dispositivos electrónicos ou redes sociais en conxunto (15,6%) e os trastornos de alimentación, que supoñen un maior peso en mulleres; sendo maior en homes as adiccións relacionadas co xogos de azar, o sexo e aquelas específicas do uso de videoxogos.
Respecto ás cuestións sociais ou de saúde, o 21,8% presentan patoloxía dual (un diagnóstico de saúde mental) diferente á adicción polo que é admitido a tratamento. Ademais, infórmanse distintas consecuencias asociadas á adicción comportamental, sendo estas principalmente, conflitos familiares (26,6%), problemas económicos (25,1%) e problemas de saúde (16,9%).
Xogo on line: en canto ao xogo on line, segundo a enquisa EDADES, en 2024 o 5,5% da poboación de 15 a 64 anos xogou durante o último ano (5,3% en 2022). Como en edicións anteriores a porcentaxe que xoga on line é maior nos homes (8,2%) que nas mulleres (2,7%), e é máis frecuente entre as persoas máis novas, descendendo a súa prevalencia a medida que aumenta a idade. Ademais, o xogo que predomina entre os homes segue sendo as apostas deportivas (40,2%). Pola súa banda, segundo o ESTUDES, a poboación de estudantes de 14 a 18 anos a prevalencia de xogo de azar on line no último ano alcanzou o máximo desde o inicio da serie (9,4% en 2021 fronte a 10,7% en 2023), sendo moi superior no caso dos homes (17,1%) que no das mulleres (4,3%). Eeste tipo de conduta increméntase segundo aumenta a idade, sendo nos estudantes de 18 anos onde máis incrementou (15,3% en 2021 a 18,8% en 2023).
Xogo presencial: está moito máis estendido xa que, segundo a esquisa EDADES, máis da metade da poboación de 15 a 64 anos, participou neste tipo de xogos de azar no último ano. Tamén os informes do ESTUDES sinalan o mesmo, pero cando se trata de falar de xogo problemático, é maior para aqueles que xogan on line, fronte aos que xogan de xeito presencial.
En 2023, a enquisa ESTUDES reflicte que existe un 4% de alumnos de entre 14 e 18 anos que poderían presentar xogo problemático, sendo maior entre os mozos (6,0%) que entre as mozas (2,0%). Este risco aumenta a maior idade, crecendo ata o 8,3% entre os estudantes de 18 anos. En canto ao tipo de xogo que presenta maior risco de xogo problemático segue sendo o xogo de azar on line (23,5%) pero incrementou en maior medida no caso de xogo de azar presencial (18,2% en 2021 e 20,5% en 2023).
Uso de internet: respecto ao uso de internet, os datos da enquisa EDADES indican que en 2024 un 3,7%, da poboación de 15 a 64 anos realizou un posible uso problemático de internet. Este valor case non presenta diferencias por sexo, pero si por idade alcanzando o seu máximo entre os de 15 a 24 anos (11,7%) e pasando a ser residual entre os maiores de 55 anos (0,9%). Mentres, na enquisa ESTUDES 2023 obtense que, o predominio dun posible uso problemático de internet entre a poboación de estudantes de 14 a 18 anos (20,5%) reduciuse respecto a 2021 (23,5%), sendo superior entre as mulleres (25,9%).
Videoxogos: no que respecta ao posible trastorno por uso de videoxogos, descenden ata o 5,1% os estudantes de 14 a 18 anos que poderían presentalo (7,1% en 2021), pola diminución deste indicador no caso dos mozos (ao pasar dun 11,3% a un 7,7%) a pesar de seguir sendo moi superior que no caso das mozas (2,5%).
Criptomoedas e bolsa de valores: unhas das cuestións que pon de manifesto esta enquisa é o interese xeneralizado polo impacto que poden ter as tecnoloxías financeiras na nosa sociedade, unha vez analizada a influencia que ten na poboación xeral de España de 15 a 64 anos o xogo en criptomoedas e na bolsa de valores. A prevalencia de xogo no último ano sitúase no 0,4% e o 0,3% respectivamente, o que mostra que teñen un alcance residual a nivel xeral. En ambos os casos son actividades que atopan algo máis de adeptos entre os homes, e no caso das criptomoedas tamén entre os máis novos.
Para solicitar cita previa neste servizo, os interesados e interesadas poden dirixirse desde hoxe mesmo á Casa da Xuventude ou chamar ao número de teléfono 982 297 444. As sesións serán individuais, gratuítas e confidenciais, e se desenvolverán os luns e xoves dos vindeiros catro meses.
Audio
- O concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, sobre o asesoramento psicolóxico e adiccións á sustancias | Descargar mp3

