O goberno de Lugo amosa a súa repulsa polo presunto asasinato dunha muller, na capital, a mans da súa parella

O Concello aprobaba esta mañá unha Declaración Institucional en contra da Violencia de Xénero, durante un Pleno Urxente e Extraordinario, e decretaba tres días de loito oficial no municipio, nos que as bandeiras ondearán a media hasta

Luns, 10 de febreiro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O goberno de Lugo amosa a súa repulsa polo presunto asasinato dunha muller, na capital, a mans da súa parella

O Concello de Lugo decretaba hoxe tres días de loito oficial, nos que as bandeiras ondearán a media hasta no municipio, trala confirmación por parte da Subdelegación do Goberno, de que o asasinato dunha muller en Lugo, esta fin de semana, se tratou dun novo caso de violencia de xénero.

Dende o executivo local convocábase ademais unha concentración de rexeitamento, ás portas da Casa Consistorial, na que se gardou un minuto de silencio y durante a cal, a

alcaldesa, Lara Méndez, en nome de toda a Corporación, amosaba a súa máis enérxica repulsa non só polo presunto asasinato, esta fin de semana, dunha veciña da capital a mans da súa actual parella, senón tamén por todos os casos de violencia que se están a cometer contra as mulleres e que, tras este homicidio, suman xa dez, en todo o país, dende que comezou o ano, “a razón de un, cada catro días”.

“Dende o Concello de Lugo rexeitamos e condenamos toda a violencia, especialmente a de xénero e familiar, e trasladamos tamén o noso cariño e solidariedade coas familias e persoas achegadas ás víctimas”.

A rexedora apelou “á necesidade de continuar traballando dende tódalas institucións na loita contra o terrorismo machista, sumando esforzos para tratar de frear esta lacra social” e quixo deixar patente tamén o compromiso do executivo local no deseño, posta en marcha e desenvolvemento de continuos programas a prol da educación e da concienciación e sensibilización social, así como na mellora das dotacións públicas e das prestacións municipais que se ofrecen ás vítimas e aos seus fillos e fillas.

“Non se pode frivolizar coa protección da vida, especialmente cando falamos dos máis débiles como son os nenos e as nenas e as mulleres que sofren malos tratos; defendelos, cos recursos que temos ao noso alcance, é para nós unha prioridade, pero non debemos esquecer que acabar coa violencia é tarefa de todos e todas. Non podemos tolerar que morra ningunha muller máis”, concluíu Lara Méndez.

O Concello convocaba, tamén, esta mañá un Pleno Urxente e Extraordinario no que quedaba aprobada, de forma unánime, a seguinte Declaración Institucional.

Declaración Institucional do Concello de Lugo contra un novo caso de Violencia de Xénero no municipio

A violencia contra as mulleres e nenas é unha violación dos Dereitos Humanos e así o recoñeceron as Nacións Unidas en 1993 e o Consello de Europa en 2011 no convenio de Istambul.

Sen embargo, ano tras ano, mes tras mes e semana tras semana este terrorismo desapiadado contra as mulleres continúa a cobrarse vítimas. Só no que vai de 2020 sumamos dez, unha cada catro días. Unha conta, un tráxico balance, que nunca debera ter que realizarse.

Esta fin de semana, no municipio de Lugo a violencia machista cobrouse unha nova vida, a de Clara María Expósito. Non é un número, nin unha cifra. Cando unha muller é asasinada, violada, prostituída, golpeada ou é vítima de calquera tipo de violencia machista, non se trata dun feito illado que afecta só a esta muller e á súa familia, senón que incumbe á vida cotiá de todas as persoas e a sociedade no seu conxunto.

En cada unha destas ocasións faise obrigatorio reflexionar sobre a situación na que vive a metade da humanidade polo feito de nacer mulleres, no camiño andado para acadar a igualdade real e efectiva de dereitos pero, tamén, sobre todas aquelas cousas que é necesario cambiar.

Dende o Concello de Lugo queremos manifestar o noso máis firme compromiso coas mulleres vítimas da violencia de xénero. Un compromiso activo de forma permanente, porque para erradicar a violencia este compromiso, individual e colectivo, debe manterse durante todos os días do ano.

A loita contra a violencia que se exerce cara o sexo feminino, debe ser unha prioridade que obrigue a toda a sociedade no seu conxunto. Un imperativo que lle corresponde en primeira instancia aos gobernos e administracións no marco das súas correspondentes competencias.

A violencia de xénero afunde as súas raíces na histórica desigualdade que tiveron e aínda seguen sufrindo as mulleres, como consecuencia do patriarcado existente nas nosas sociedades. Por iso é fundamental abordar a súa erradicación dende as políticas de igualdade e dende o feminismo para favorecer unha cultura da equidade fronte á cultura da submisión.

No noso país dispoñemos dun marco lexislativo a través da Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, tamén de leis autonómicas na maioría das Comunidades Autónomas e, dende 2017, do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.

Porque para contribuír a erradicar estes ataques machistas precísanse medidas políticas e institucionais desde os diferentes ámbitos que aborden o problema de maneira integral e que sexan capaces de dar resposta ás necesidades específicas das mulleres vítimas e ás das súas fillas e fillos.

Non se poderá avanzar na erradicación da violencia e na atención específica ás mulleres, se non se establecen os mecanismos de coordinación necesarios entre as diferentes administracións e institucións con responsabilidade na materia, pero tampouco se poderá seguir avanzando se non se dotan ás distintas administracións dos recursos económicos e do persoal especializado adecuado e sen un sentimento fondo, firme e público de condena e rexeitamento a este tipo de violencia por parte de toda a sociedade.

Audio

  • A alcaldesa Lara Méndez, sobre as declaracións durante a concentración | Descargar mp3
  • A alcaldesa Lara Méndez, sobre o pleno extraordinario sobre a violencia de xénero | Descargar mp3

Noticias relacionadas