O Goberno cumpre e reforza Arquitectura con dous técnicos máis para axilizar as licenzas de obra maior

Foi unha das medidas anunciadas polo Concelleiro de Persoal aos colexios profesionais para gañar eficacia na tramitación dos expedientes

Martes, 31 de xullo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Cumprindo co anunciado polo Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, este martes asinouse o decreto de nomeamento e mañá tomarán posesión dous técnicos en acumulación de tarefas que reforzarán o servizo municipal de Arquitectura para axilizar as licenzas de obra maior, pois as menores e de actividade estanse a conceder en prazo. Deste xeito, serán 9 arquitectos no departamento.

A incorporación de dous arquitectos, dedicados en exclusiva a tramitar licenzas atrasadas, foi unha das decisións avanzadas por Piñeiro a representantes dos colexios profesionais de arquitectos, aparelladores e enxeñeiros para gañar axilidade e eficacia na tramitación dos expedientes das licenzas.

As outras medidas adoptadas pasan por continuar dando prioridade aos proxectos con subvención (instalación de ascensores e caldeiras, entre outros) e aos de edificios con medidas de eficiencia enerxética e sostibilidade ambiental; a aplicación do decreto autonómico 144/2016 que aproba o regulamento único de regulación integrada de actividades económicas e apertura de establecementos, que permite a axilización dos proxectos de actividade e de obras e actividade que conten coa certificación dunha ECCOM (Entidade de Certificación de Conformidade Municipal); así como a reducción do horario de consultas ofrecido polos técnicos do servizo municipal de Arquitectura, pasando de atender tres días a un, en horario de 11:00 a 14.30h, para que poidan utilizar o máximo tempo posible a supervisar proxectos. Tamén se encomendarán á empresa pública EVISLUSA máis traballos urbanísticos, para liberar aos técnicos do Concello destes traballos e que poidan ocuparse de licenzas.

Así mesmo, o Concelleiro e os colexios profesionais acordaron establecer pautas para estructurar a documentación do proxecto de obra de maneira máis operativa, de xeito que os documentos principais e imprescindibles que deben supervisar os técnicos estean ao principio, ademais de definir cuestións como a inclusión no expediente de planos catastrais da parcela, a superposición do proxecto no plano do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) ou a xustificación da edificabilidade da parcela e o proxecto, e a súa volumetría.

Noticias relacionadas