O Goberno avanza na mellora da accesibilidade con proxectos en marcha por preto de 1M€

Ten en marcha a instalación do ascensor de Fontiñas, a eliminación do tapón de Garabolos, a mellora do entorno do centro de saúde de San Roque e a peonalización da Milagrosa, e en contratación o elevador do Sagrado Corazón e a reordenación do enlace de Mar Cantábrico con Santo Graal e Poeta Manuel María

A Alcaldesa, que participou nunha campaña de Auxilia en favor da accesibilidade, destacou que a mellora neste eido “é un obxectivo transversal no Goberno porque forma parte esencial do modelo de cidade que temos en marcha: un Lugo máis inclusivo e integrador”

Mércores, 31 de outubro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno avanza na mellora da accesibilidade con proxectos en marcha por preto de 1M€

A Alcaldesa, Lara Méndez, xunto á Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, participou este mércores nunha xornada organizada polo colectivo Auxilia para fomentar a accesibilidade universal, ámbito no que a día de hoxe o Goberno ten en marcha, ben xa en obras ou a punto de adxudicarse, proxectos por un importe de ao redor de 1M€, que conxuntamente supoñen un avance de primeira orde en canto a mobilidade no municipio. A xornada de hoxe forma parte da campaña reivindicativa 8 Meses 8 Problemas impulsada por Auxilia, asociación coa que o Concello colabora cunha achega anual de 12.000€, ademais de cederlle un local para desenvolver a súa actividade na Casa Clara Campoamor.

Entre as obras para un Lugo máis accesible que ten en marcha o Concello, destacan a instalación do ascensor de Fontiñas, a eliminación do tapón urbanístico de Garabolos -unha débeda coa veciñanza que logrou saldar o equipo de Méndez-, a mellora da accesibilidade no entorno do centro de saúde de San Roque ou a peonalización da Milagrosa. A estas actuacións xa en marcha, nalgún caso a piques de rematar, súmanse outras obras que o Goberno ten en contratación, como a colocación dun ascensor no barrio do Sagrado Corazón ou a reordenación do enlace da rúa Mar Cantábrico con Santo Graal e Poeta Manuel María. Todo isto, a maiores de actuacións de menor entidade económica, que non social, que leva a cabo de xeito continuo. Entre as máis recentes, por exemplo, a mellora da rúa Outono e a colocación de varandas en 8 puntos da cidade, ademais do cambio de adoquinado por lousas de granito no tramo entre Montero Ríos e a Porta da Estación.

Lugo, cidade inclusiva e integradora

En Lugo, explicou a Alcaldesa, “a mellora constante da accesibilidade é un obxectivo que buscamos de maneira transversal a través de toda a acción política do noso Goberno, xa que é unha parte esencial do modelo de cidade que temos en marcha: máis inclusiva e integradora”.

Neste senso, apuntou como dúas medidas “moi representativas” do compromiso institucional do Concello co empoderamento das persoas con mobilidade reducida a existencia dunha Concellería dedicada de maneira específica a traballar pola igualdade e a inclusión, dirixida por Ana González Abelleira, e dun Gabinete Municipal de Accesibilidade “para adaptar progresivamente os espazos públicos a todas as persoas que viven no noso municipio ou nos visitan”.

Froito disto, “Lugo é a día de hoxe unha cidade inclusiva e integradora”. O municipio, explicou Lara Méndez, dispón de rutas urbanas e rurais accesibles, patrimonio accesible –incluída a Muralla-, itinerarios accesibles no entorno do Miño, transporte público accesible, o ratio de taxis adaptados máis alto de Galicia, axudas municipais para o uso do transporte público adaptado, 200 prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida, ascensores nos aparcamentos subterráneos, sinais de tráfico luminosas e acústicas, a Casa Domótica –un edificio público de pisos adaptados que o Concello pon en aluguer-, contedores de lixo adaptados, información accesible, traducción en linguaxe de signos e esixencia dunha cota igual ou superior ao 5% de postos de traballo reservados para persoas con discapacidade en todas as ofertas de emprego público.

Os avances acadados, como lembrou a Alcaldesa, valéronlle a Lugo recoñecementos a nivel nacional e europeo, como foron o Premio Reina Sofía no 2006, a distinción de Destino Turístico Accesible de España no 2015 e a Mención Especial dos Premios Europeos de Accesibilidade do 2016.

Noticias relacionadas