O executivo de Lara Méndez pon en valor o patrimonio do municipio expoñendo un tramo do acueduto do Bispo Izquierdo

O Concelleiro de Urbanismo, Miguel Couto, supervisou a colocación de 8 perpiaños de granito rectangulares na Praza de Ferrol, que irán iluminados

A cañería principal xa fora descuberta no ano 1986 con motivo das escavacións dos aparcadoiros na Praza do Ferrol

Durante os últimos anos, o Concello de Lugo puxo xa ao descuberto bastantes testemuñas deste acueducto, así como do romano

Xoves, 17 de decembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O executivo de Lara Méndez pon en valor o patrimonio do municipio expoñendo un tramo do acueduto do Bispo Izquierdo

O concelleiro de Urbanismo do Concello de Lugo, Miguel Couto, supervisaba esta mañá na Praza de Ferrol as tarefas de colocación, conservación e posta en valor dun tramo de 5 metros de lonxitude do acueduto que o Bispo Izquierdo mandou executar a mediados do século XVIII.

Con esta acción, o executivo de Lara Méndez da un novo paso para difundir o patrimonio cultural da cidade co fin, por unha banda, de valorar e rendibilizar o patrimonio arqueolóxico a medida que este vai saíndo á luz, así como co obxecto de sensibilizar a todos os sectores sociais, educativos e culturais da necesidade de protexelo e coidalo.

A colocación destes restos realízase nun dos espazos axardinados existentes na Praza de Ferrol, requerindo a preparación previa dunha plataforma de asento, sobre a que se dispoñerán os diferentes elementos pétreos. Procederase a iluminación e instalarase un soporte cun texto informativo, identificado o elemento de exposición.

As obras realizaranse de acordo coas prescricións técnicas establecidas polo servizo municipal de Arqueoloxía, quen se encargará da supervisión e coordinación das mesmas coa finalidade de mellorar a calidade coa que a mostra chegara ao público. Miguel Couto explicaba que “o patrimonio histórico está formado por uns 8 perpiaños de granito rectangulares, perfectamente encaixados entre si debido a que cada un conta cos seus respectivos enganches, femia e macho identificados co cano principal do acueduto”.

O concelleiro sostén que estas pezas foron recuperadas durante os traballos de escavación arqueolóxica realizados na rúa Bolaño Rivadeneira, nº 8-10, “co fin de dar a coñecer esta importantísima infraestrutura hidráulica ao mesmo tempo que reivindicamos a figura do Bispo que a promoveu e financiou e contribuímos a reurbanización dun espazo urbano como o da Praza de Ferrol”.

Ademais, Couto lembra que o trazado dos tres acuedutos históricos da cidade: romano, do Bispo Izquierdo e do século XIX, só coincide neste primeiro tramo do percorrido e “é por iso que eliximos a Praza de Ferrol, para visibilizar unha imaxe da historia da traída da auga á cidade”.

Audio

  • O concelleiro de Urbanismo do Concello de Lugo, Miguel Couto, sobre o acueducto | Descargar mp3

Noticias relacionadas