O Concello xa ten terreo para a nova escola de educación infantil promovida pola Fundación Amancio Ortega

A Alcaldesa avanzou que a Xunta de Goberno aprobará mañá, de xeito inicial, o expediente para adscribir ditos terreos a favor de Igualde e Benestar, e destinalos á construción dunha gardería, con 82 prazas

Para a rexedora trátase dun proxecto prioritario e necesario para a cidade, por mor da ampla demanda de prazas de gardería por parte dos e das luguesas

"As garderías non son servizos esenciais, son parte da educación primaria e o seu valor nos máis cativos é incalculable", subliñou Méndez, quen asegurou que chegar a un acordo para estas novas instalacións é o mellor reflexo da aposta do Concello por unha ensinanza pública e de calidade

Martes, 21 de febreiro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, avanzou este martes que a Xunta de Goberno de mañá aprobará, de xeito inicial, o expediente de mutación demanial subxectiva para adscribir uns terreos a favor do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, e destinalos á construción dunha nova Escola de Educación Infantil, dividida en 6 unidades e con 82 prazas. Faino tras diversas xuntanzas mantidas pola propia rexedora con representantes tanto do Consorcio como da Fundación Amancio Ortega, nas que se avanzou nun convenio de colaboración, no que a entidade local pon a disposición do Consorcio o terreo e a Fundación Amancio Ortega procede á construción e ao equipamento dunha gardería, de cuxa xestión se encargará o Consorcio.

Para a rexodra é un proxecto prioritario e necesario para a cidade, por mor da ampla demanda de prazas de gardería por parte dos e das luguesas. Na actualidade existen 4 escolas municipais que ofrecen 238 prazas e 2 centros de titularidade autonómica, nos que máis de 270 nenos e nenas figuran en lista de espera. "Para o Goberno, as garderías non son servizos esenciais, son parte da educación primaria e o seu valor nos máis cativos é incalculable", subliñou Méndez, quen avanzou que chegar a un acordo para estas novas instalacións é o mellor reflexo da aposta da entidade local por unha ensinanza pública e de calidade.

Trátase duns terreos de 3.800 metros cadrados, dunha parcela de 6.032m2, cualificada como Equipamento Comunitario no PXOM. Dito terreo contará cun fronte de 76 metros que dá a unha rúa de nova apertura, paralela á Avenida Paulo Fabio Máximo, e un fondo de 50 metros.

Esta mutación subxectiva, é dicir, cambiar a titularidade dun ben sen modificar o seu destino público, terá unha duración de 25 anos prorrogables outros 25 máis. O expediente que se aprobará mañá na sesión ordinaria da Xunta de Goberno someterase a exposición pública 20 días hábiles dende a publicación no BOP e no taboleiro de edictos do Concello.

Noticias relacionadas